O próximo martes 22 de xullo, o Parque Eugenio Granell acollerá a segunda edición da Festa Pícara, unha celebración pensada para o público familiar, con propostas lúdicas, musicais e creativas ao longo de toda a xornada no marco da programación das Festas do Apóstolo. A programación do evento desenvolverase en horario de 12 a 14 e de 16 a 20.30 h e incluirá actuacións musicais, teatro, obradoiros, xogos e espazos específicos para o coidado dos máis pequenos. A este respecto, a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, anima ás familias e todas as participantes a xantar no parque.
A festa comezará ás 12 coa apertura dos espazos de xogo e obradoiro e o primeiro concerto do día, Consertasso na Horta, con Brais das Hortas. Ás 13 h Pesdelán tomará o relevo coa súa Foliada Pícara, unha proposta participativa que mestura música, danza tradicional e diversión para todas as idades.
Tras a pausa para o xantar no parque, ás 16.30 h será a quenda de Paco Nogueiras, que ofrecerá o seu espectáculo ‘Canto contigo’. Ás 17.30h e ás 19.00h, Cé Orquestra Pantasma animará o parque cos seus pasarrúas e cabezudos. Un dos pratos fortes chegará ás 18.00 cun concerto moi especial para celebrar os 25 anos de Mamá Cabra. Pechará a xornada o Concerto Tributo Lembra Xabarín ás 19.30 h, que homenaxea a música galega dos anos 80 e 90 con temas dos Herdeiros da Crus, Aerolíneas Federales, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Víctor Coyote, Blood Filloas, La Marabunta ou Siniestro Total.
Durante todo o día haberá obradoiros de sementes, copistería, experimentación para bebés, así como un obradoiro de paisaxe sonora a cargo da Fundación Legar (con pases ás 17.30 e 19 h). Os espazos de xogo estarán dinamizados por Garabato e Vaidavai, cunha ampla variedade de xogos de habilidade e xogos tradicionais.
A festa contará cun espazo de lactación e descanso para bebés, aparcadoiro de carriños, así como zona gastrobar e posto de xeados.
A accesibilidade será unha prioridade: haberá servizo de interpretación en lingua de signos, mochilas vibratorias para sentir a música e sinalización inclusiva, asegurando que todas as persoas poidan desfrutar da experiencia ao máximo.