A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou este luns que as estatuas atribuídas ao Mestre Mateo serán trasladadas inicialmente ao Museo do Pobo Galego, situado en San Domingos de Bonaval.
Durante a súa comparecencia para dar conta dos acordos da Xunta de Goberno Local, Sanmartín explicou que o Concello xa iniciou xestións coas administracións autonómica e estatal para organizar o traslado das pezas e garantir que se realice con todas as garantías legais e patrimoniais. Segundo detallou, houbo boa sintonía por parte da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e dos departamentos estatais competentes en memoria e patrimonio.
Ademais, o Concello respondeu á familia Franco mediante burofax, solicitándolle que asuma os custes e a responsabilidade do traslado, interpretando que así o establece a sentenza que obriga á súa restitución.
A rexedora destacou que a elección do Museo do Pobo Galego como destino inicial responde ao simbolismo da recuperación das estatuas, entendida como un acto de restitución ao pobo galego. Subliñou que se trata dun espazo público e referente da identidade colectiva, con condicións museísticas adecuadas e unha gran capacidade para poñer en valor este patrimonio.
No mesmo museo atópase xa outra peza relacionada, a lauda sepulcral do século XIV, adquirida tamén polo Concello no momento da compra das estatuas dos profetas. A presenza desta peza permitirá ofrecer un relato contextualizado do significado histórico e artístico do conxunto.
Outro aspecto clave na decisión é que o inmoble que alberga o museo é propiedade do Concello de Santiago, polo que as esculturas, ao regresar, fano tamén simbolicamente ao patrimonio municipal. O Padroado do Museo do Pobo Galego xa manifestou formalmente a súa disposición a acoller as estatuas, completando así un proceso longo e complexo no que colaboraron múltiples institucións e persoas comprometidas coa defensa do patrimonio galego.