Calor histórica no verán compostelán, pero sen récords

Os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller confirman que agosto de 2003 segue a ser o máis cálido deste século en Compostela
Calor histórica no verán compostelán, pero sen récords
Multitude de turistas na Zona Vella. Foto de Eladio Lois

A intensa vaga de calor que se deixou sentir en Galicia durante xullo e agosto non deixou récords en Santiago de Compostela, segundo os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da AEMET. A pesar das altas temperaturas e da escaseza de precipitacións, a cidade quedou por debaixo doutras marcas históricas.

 

A calor, preto do récord pero sen superalo

O observatorio lembra que a vaga de xullo de 1990 segue a ser a máis extrema rexistrada na capital galega, con cinco xornadas por riba dos 35 graos e unha máxima de 40,3 ºC o día 20. No século XXI, o mes de agosto máis cálido continúa a ser o de 2003, cando a temperatura media das máximas chegou a 28,9 ºC, medio grao por riba da deste ano.

 

No pasado mes de agosto rexistráronse 14 días con máis de 30 graos, unha cifra idéntica á de 2003, pero a máxima quedou en 35,8 ºC (día 5), moi lonxe dos 39,7 ºC alcanzados o 12 de agosto de hai 22 anos. Ademais, en ningún momento as temperaturas mínimas superaron os 20 graos, mentres que no 2003 houbo dúas noites por riba desa marca.

 

Secas sen valores extremos

No referente ás precipitacións, os datos tampouco indican valores extremos. En xullo recolléronse 12,3 litros/m² e en agosto 16,9 litros/m² (a partir do día 20). Así, houbo anos máis secos neste século: en xullo de 2020 non choveu nada, e en agosto de 2010 só se contabilizaron 8,2 litros/m².

 

Se se analiza o bimestre xullo-agosto, este 2025 acumulou 29,2 litros/m², unha cantidade que supera as rexistradas en 2002, 2010, 2016 e 2022.

 

Conclusión dos expertos

O coordinador científico do Observatorio, José Ángel Docobo, sinala que este verán foi moi cálido e seco, pero dentro da normalidade histórica. 

 

 

Lembra que houbo noites máis abafantes en anos recentes, como as de xullo de 2022, cando os termómetros non baixaron dos 23 ºC, ou a do 27 de xuño de 2013, con 22,9 ºC.

Calor histórica no verán compostelán, pero sen récords

Te puede interesar