Entre as coplas compiladas por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no Cancioneiro Popular Galego atópase unha que canta: “Por qué non cantades nenas/ por qué non cantades todas/ unhas porque non saben/ outras porque son señoras. Cantade nenas cantade/ qu’o voso cantar me aleghra/s’o voso cantar non fora/eu non ‘staba nesta terra”. Estes versos, acubillados e transmitidos de xeración en xeración por labregas galegas como Esclavitud, de quen Schubarth e Santamarina os recolleron, serven de inspiración ao ciclo "Por que non cantades todas?", co que o Festival C rende homenaxe á poesía popular galega e ás voces das mulleres que a transmitiron e preservan.
No paseo da Ferradura da Alameda compostelá, onde se cruzan as olladas das esculturas de Federico García Lorca e Rosalía de Castro, ábrese os mércores de agosto un espazo para a reivindicación destas coplas portadoras de historia e identidade cultural, que soarán nas voces das cantareiras de parte dos colectivos tradicionais máis importantes do país.
As de Ultreia serán as encargadas de abrir o ciclo o mércores 6, ás 20.00 horas cun repertorio que incide no papel fundamental da muller na cultura tradicional e na sociedade actual, co desafío aos estereotipos que historicamente atribuían determinados instrumentos a homes ou a mulleres. A súa actuación inclúe pezas interpretadas con pandeiretas ou outros instrumentos tradicionalmente femininos, pero tamén cantos acompañados de gaita, acordeón e outros elementos da música galega. A través desta mestura, procúrase contribuír a unha transformación social que afaste os prexuízos de xénero da nosa cultura.
A posta en valor do rol das mulleres no desenvolvemento e preservación da poesía e a expresión musical galegas continúa o mércores 13 de agosto, tamén ás 20.00 horas, coas voces de Brincadeira, que farán ecoar as palabras das avoas, as melodías dos traballos do campo e os sons das festas populares. A súa interpretación convértese nun acto de resistencia e dignidade, facendo visible un legado que durante moito tempo foi silenciado e infravalorado.
O ciclo concluirá o mércores 20 de agosto coas voces de Cantigas e Agarimos que nos farán gozar dun repertorio tradicional recollido de todas as zonas de Galicia, empregando instrumentos populares como pandeiretas, pandeiros cadrados e redondos, latas ou cunchas. A súa proposta é, ao tempo, celebración e responsabilidade: dar continuidade a unha cultura que nos define como pobo e que foi transmitida xeración tras xeración grazas ao saber e á creatividade das mulleres.