Curru e Carmen, as irmás que renovan o armario dos composteláns

Na rúa das Orfas rexentan unha tenda de moda e complementos, Cousalinda, que ofrece produtos orixinais de pequenos modistos galegos. Os compradores destacan o trato amable e próximo das dúas mulleres, para as que os seus clientes son o máis importante
Curru e Carmen, as irmás que renovan o armario dos composteláns
Curru e Carmen, as irmás detrás de Cousalinda

Curru e Carmen Barreiro Villar son moi queridas pola veciñanza e iso percíbese nada máis poñer un pé na súa tenda de moda e complementos, Cousalinda. Abriron algo máis cedo ca de costume para preparar o escaparate e, mentres traballan, varias persoas que transcorren pola rúa detéñense a saudalas con agarimo. Elas responden co meu dos seus sorrisos mentres continúan co labor de cada día. 

 

Máis de 10 anos levan á fronte deste negocio que hoxe se atopa en plena rúa das Orfas, no casco vello de Santiago. Aínda que compostelás de nacemento, a primeira das súas tendas abrírona, alá polo 2012, no Milladoiro, despois de que estas dúas irmás perderan os seus respectivos postos de traballo.

 

 

Quedar de brazos cruzados non ía ser unha opción. Co apoio dos seus pais sacarían adiante un negocio que se caracteriza por ofrecer roupa orixinal, confeccionada na súa maioría por modistas locais e pequenos produtores, de altísima calidade e un estilo moi persoal. 

 

Cousalinda
Curru e Carmen, a primeira hora da mañá, organizando a tenda

 

No 2020 trasladáronse a Compostela. Primeiro estiveron na rúa do Vilar, mais a pandemia non axudou a que o negocio consolidase. Ademais, advertiron que a coñecida travesía quedara relegada ao paseo e ao turismo, e non tanto ao comercio. De aí que finalmente se decantaran pola rúa das Orfas, cun local moito máis pequeno e caro pero que funciona moito mellor. 

 

Curru e Carmen están totalmente comprometidas co comercio local e sostible. Os seus provedores son maiormente galegos que producen á man. Como elas din, “é imposible non ter ningún made in China, non imos mentir”, máis a tónica xeral non é esa. Tamén cooperan con manufactureiros noveis que iniciaron hai pouco a comercialización dos seus produtos. 

 

Cousalinda Interior
Interior do establecemento

 

Non só tratan de que os seus produtos procedan dunha manufactura amable co medio ambiente, tamén participan en iniciativas na mesma sintonía, a máis recente a campaña ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’ organizada polo Concello para promover a economía circular. Así mesmo, colaboran con ‘El comercio salva al comercio’, un movemento para axudar aos establecementos afectados pola DINA de Valencia.

 

Un concepto único

 

A moda e os complementos que un pode mercar en Cousalinda non son só sostibles e de proximidade, senón que se caracterizan polo seu renovador concepto. Curru e Carmen baséanse no seu gusto persoal para elixir as pezas, mais tratan de que haxa variedade e que sexan “produtos distinguidos que non hai en todos os lados”. Por exemplo, entre os seus produtos estrela están unhas camisas hawaianas que fusionan a súa estética con motivos galegos.

 

 

Asemade, caracterízanse por teren uns prezos asequibles e tallas para todos os corpos: “non nos gusta o concepto tallas especiais, especiais somos todos, o que tratamos é que todo o mundo se poida vestir, sempre escapando das tallas únicas”, explica Carmen.

 

Non nos gusta o concepto tallas especiais, especiais somos todos, o que tratamos é que todo o mundo se poida vestir, sempre escapando das tallas únicas

 

E así é como conseguen que o perfil dos seus clientes sexa variado e que todos saian igual de satisfeitos. “Temos xente tradicional á que lle gusta vir para atopar produtos galegos, outros que chegan de paso, antigos clientes do Milladoiro… pero o común é que todos saen contentos coa atención que lles damos”, indican.

 

Temos compradores que veñen para atopar roupa galega, outros que chegan de paso, antigos clientes do Milladoiro… pero o común é que todos saen contentos coa atención que damos

 

Non se pode negar o evidente. Curru e Carmen son dúas irmás amables e comprensivas, demostran interese polos clientes e non dubidan en darlles todas as facilidades. O bo trato é recompensado, como o demostran as mostras de cariño que reciben diariamente na tenda.

 

 

“Penso que algo que nos caracteriza é que deixamos que os clientes leven a roupa á súa casa para probala con tranquilidade, e tamén devolvemos o diñeiro dunha compra se non gusta. Gañamos máis cando a xente vai tranquila sabendo que pode devolver o produto”, explican. E ata agora, nunca lles fallou ninguén. Nin unha soa persoa que levase a prenda para a casa sen pagala e que non a devolvese. Porque cando un dá confianza, recibe o mesmo. “A xente sempre volve e nos agradece o trato”, indica Curru. 

 

Cousalinda Camisas
As camisas de Galoha teñen moito éxito

 

As camisas hawaianas de Galoha, as mochilas e bolsos do artesán Paporrubio, os abanos de Fisura coas súas provocadoras frases, os pendentes de metacrilato… son algúns dos artigos máis demandados de Cousalinda. Aínda que aseveran que teñen poucos produtos (a tenda é pequena e o espazo así o require), prefiren iso e ilos renovando cada certo tempo.

 

Se ben é na tenda física na que un pode ollar as prendas ao gusto, o certo é que Curru e Carmen venden moitísimo a través de Instagram: “tentamos subir publicacións a miúdo e todos, absolutamente todos os días hai alguén que pregunta por algunha peza”.

 

Non son profesionais das redes, pero o seu poder chámalles a atención: “hai xente que fai fotos preciosas, pero nós non sabemos. Quizais sexa iso o que gusta, a naturalidade de mostrar a foto dunha saia sen terlle pasado o ferro. Estamos todos un pouco cansos das típicas fotos de postureo de Instagram”.

 

Polo de agora aínda non teñen os recursos suficientes para vender a través dunha web, precisamente porque a roupa que teñen está na tenda e é difícil compaxinar as compras en físico coas virtuais: “podería haber alguén comprando na web e que nese preciso momento alguén estea probando esa peza na tenda”, explican. 

 

Iso non significa que non teñan outros plans a futuro, comezando pola remodelación do local. A idea é facer un “restyling, cambiar algunha cousiña, porque se queda pequeno e haille que dar unha volta”. Iso será máis pronto que tarde. 

 

Agardan, ante todo, que Cousalinda siga indo así de ben. Se funciona é porque o que ofrecen gusta e ten a calidade que os clientes requiren, “e porque Curru é unha máquina, non coñece a vergoña, é un si a todo”, engade Carmen. A iniciativa é tamén un ingrediente esencial para o éxito

 

En Cousalinda prometen produtos orixinais pero primeiro de todo ese trato persoal e próximo que as caracteriza. Por iso convidan a todo aquel que non as coñeza a que pasen pola tenda cando queiran renovar o seu armario. Estarán encantadas de botar unha man.

 

Curru e Carmen, as irmás que renovan o armario dos composteláns

Te puede interesar