O fenómeno Mondra regresa: novo disco, novos sons e dobre concerto en Santiago

O fenómeno Mondra regresa: novo disco, novos sons e dobre concerto en Santiago
Mondra, na portada do seu novo disco. Foto de Zeltia Iglesias

O artista, cantareiro e bailador lanzou onte DE RONDA, o seu esperado segundo álbum, dispoñible xa en todas as plataformas dixitais. O traballo chega dous anos despois do exitoso ARDĒN e supón un salto cualitativo na carreira dun dos nomes máis destacados da música galega actual.

 

 

DE RONDA é un disco íntimo e desenfadado que explora, a través de once cancións —ou como as define o propio Mondra, “estados do corpo”—, temas como a sexualidade, o amor propio, a comunidade e a mocidade. Con produción de Hevi (Laboratorio Soyuz), o álbum ofrece un son fresco e orgánico sen perder as raíces na tradición oral galega.

 

Entre os temas destacados están ata que enrouqueza, que abre o disco celebrando as noites sen freo; férveme o cu, onde o desexo toma o protagonismo; e ventilar o cuarto, peche emotivo do álbum en colaboración con Antía Ameixeiras, que fala da ruptura e do deixar ir. Ademais, todos os temas veñen acompañados de pezas audiovisuais dispoñibles no canal de VEVO de Mondra.

 

 

 

Dobre cita na Sala Capitol

O lanzamento vén acompañado dun espectáculo en directo esta fin de semana na Sala Capitol. A expectación foi tal que, tras esgotar as entradas para o sábado 10 de maio en tempo récord, Mondra anunciou unha segunda data para o venres 9. Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles (desde 18 euros) na web oficial da Capitol.

 

 

 

Sobre o escenario, Mondra estará arroupado pola súa banda —Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro— e polos bailaríns Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez. Ademais, haberá artistas convidadas, convertendo as dúas noites nunha auténtica festa para os sentidos.

O fenómeno Mondra regresa: novo disco, novos sons e dobre concerto en Santiago

Te puede interesar