As masas boscosas nas comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e tamén nas provincias de León, Palencia e Burgos, en Castela e León, capturarían o carbono equivalente ás emisións de CO2 do conxunto de España durante un período de practicamente dous anos e medio.
Así o constatou o grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC. O equipo do Campus de Lugo, liderado polo catedrático Manuel Marey, acaba de completar a cartografía do carbono total almacenado nos bosques existentes nos 301 espazos incluídos na Rede Natura 2000 de toda a cornixa cantábrica.
Esta caracterización supón unha ferramenta para coñecer en profundidade a capacidade actual de capturar e almacenar carbono e resulta básica para deseñar as políticas de futuro de todo o territorio e, en especial, para contornas de interese ecolóxico.
O proceso iniciado no cumio da Terra (COP) desenvolvido en Río (1992), continuado pola COP3 de Kyoto (1997), reforzado na COP21 de París (2015) e na recente COP29 de Bakú (2024), foi consolidando dúas ideas importantes: a primeira, que a Era Industrial supuxo un incremento notable na concentración de CO2 na atmosfera; e a segunda, que a capacidade de captura (actuando como sumidoiros de carbono) e de almacenamento (actuando como reservorios) son as grandes vantaxes competitivas das masas forestais como base para a descarbonización, como xa se veu demostrando cientificamente nas últimas décadas.