Preto de 250 rapazas e rapaces de entre 8 e 15 anos participaron nos obradoiros Girl Steam dende que comezou a actividade a principios do mes de xullo.
As actividades están programadas ata a primeira semana de setembro cunha sesión adicional no Gaiás Tech o xoves, 5 de setembro, e o peche final dos talleres o venres, 6 de setembro en Guitiriz.
Durante os meses de xullo e agosto, preto de 250 rapaces e rapazas teñen pasado polos case 30 obradoiros que se desenvolveron en 14 Concellos de Galicia.
O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia poñen así fin ao desenvolvemento deste novo ciclo de obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e nenos que rematan a semana que ven.
Este novo ciclo de obradoiros deu comezo a principios do mes de xullo nas aulas CeMIT dos Concellos. Cada lugar contou con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.