Setembro convértese nun mes para dar visibilidade ao Refuxio de Bando no marco da campaña "12 Comercios, 12 Sensibilidades" e grazas á colaboración coa tenda de cosmética natural Maravalla. Ao longo de todo o mes, este establecemento terá instalado un punto informativo sobre o traballo que se desenvolve en Bando e animando á adopción, ademais de recoller doazóns e alimentos para os animais.
Este ano, á colaboración entre Maravalla e o Refuxio súmase o colectivo As Paxaras, mulleres artistas autoras dunhas ilustracións das que se poden mercar reproduccións. Ana Porto, responsable de Maravalla, explicou que todas as persoas que colaboren na campaña, ben con doazón ou coa compra das ilustracións, participarán no sorteo das láminas orixinais e dun vale de 50 euros para gastar na tenda. Pola súa banda, Olaia García, directora do Refuxio de Bando, agradeceu a colaboración, e lembrou que o Refuxio acolle a día de hoxe 500 animais.