Mondra seduce e desafía coa súa nova canción: “Por te ver” xa está aquí

Mondra seduce e desafía coa súa nova canción: “Por te ver” xa está aquí
Mondra, en "Por te ver" | Zeltia Iglesias

Mondra vai de ronda e non hai quen o pare. O artista galego estrea este venres 11 de abril o seu novo tema “por te ver”, o terceiro adianto do seu inminente álbum, que verá a luz o 6 de maio. A canción, dispoñible en plataformas dixitais e acompañada dun videoclip na súa canle de VEVO, chega con forza e mensaxe: un retrato do impulso, o desexo e a loita interna entre a moral e a toxicidade nas relacións.

 

 

“Por te ver” é unha proposta intensa e sensorial que, segundo Mondra, “representa tanto a filosofía coma o espírito musical e conceptual do disco”. A peza avanza entre o misterio e a persecución grazas a unha instrumentación orixinal —contrabaixo, vibráfono e percusión— e consolida a aposta do artista por un son orgánico, fresco e contemporáneo, baixo a produción do Hevi (Laboratorio Soyuz).

 

O videoclip, codirixido polo propio Mondra xunto a Zeltia Iglesias, directora creativa do álbum, compleméntase coa dirección de movemento do coreógrafo Daniel Rodríguez, nunha peza visual que dá continuidade ao universo artístico construído arredor de De Ronda.

 

Segunda data na Capitol tras esgotar a primeira

A expectación é máxima: as entradas para o concerto de presentación en vivo na Sala Capitol do 10 de maio xa están esgotadas, e Mondra vén de anunciar unha nova data para o venres 9, tamén na Capitol. As entradas, desde 18 euros, están dispoñibles na web do recinto (www.salacapitol.com).

 

Ambas sesións contarán coa banda formada por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, e co acompañamento escénico de Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, ademais de artistas convidadas por confirmar.

 

 

Un nome clave da nova escena galega

Con ARDĒN (2023), o seu debut discográfico, Mondra consolidouse como un dos nomes máis potentes da música galega actual, gañando recoñecemento de público e crítica, así como premios como o Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica ou o Mestre Mateo ao Mellor Videoclip por MARIMONDRA.

 

Agora, con De Ronda, o artista propón once cancións que funcionan como “estados do corpo”, explorando os matices da sedución, do xogo emocional e das conexións humanas desde unha perspectiva musical e escénica total.

Mondra seduce e desafía coa súa nova canción: “Por te ver” xa está aquí

Te puede interesar