Este xoves 13 de marzo, a Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a presentación ao vivo de Feira, o novo traballo discográfico de De Ninghures. Con todas as entradas esgotadas desde hai días, a banda promete unha noite de baile e festa na que contará coa colaboración de artistas como Fillas de Cassandra, Juan de Dios, Ortiga, De Vacas e Anxo Pintos.
Despois do seu exitoso primeiro disco, Aquí (2022), e dun percorrido musical que os levou por diferentes escenarios dentro e fóra do país, De Ninghures regresa cun traballo no que revisitan a tradición popular galega incorporando influencias latinas e magrebíes, alén de novas texturas e sonoridades grazas á produción de Juan de Dios Martín. Feira non só actualiza as coplas e melodías populares, senón que as reivindica para o presente, convertendo o disco nunha verdadeira celebración da música galega.
Encher a Capitol non é doado. Agardabades esgotar tan rápido as entradas para o concerto?
Era algo que se falaba de broma, pero no fondo ningún de nós esperaba encher a Capitol, e menos aínda antes do día. Críamos que ao mellor o mesmo día a xente podería animarse bastante, pero non enchela. O feito de, só nun par de semanas, esgotar as entradas supón unha alegría enorme.
A alegría vén acompañada de nervios?
Si, si que hai nervios. Sobre todo porque estas últimas xornadas están sendo de ensaios e de poñer en común todos os detalles. Ás veces parece que está todo falado, pero de súpeto aparece unha nova cuestión. En realidade, aínda non estamos nerviosos como tal, pero sabemos que as horas antes si que o imos estar.
En canto ao proceso de creativo, houbo moitas diferencias entre 'Feria' e 'Aquí'? Como cambiou a vosa forma de traballar entre o segundo e o primeiro álbum?
Moitísimas. 'Aquí' gravámolo a partir de pezas que xa viñamos tocando. De feito, cando o gravamos non sabía se ía ser máis unha cousa de deixar constancia desas cancións ou, no mellor dos casos e como acabou sucedendo, que tivese moi boa acollida e puidésemos facer unha xira. 'Feira' xa foi poñer máis identidade de cada un de nós. Todos participamos, modificamos as ideas do resto... é moito máis noso. Ademais, o proceso consistiu en coller as ideas moi desde o inicio e traballalas con moito agarimo e ilusión. Por outra banda, o feito de contar con Juan de Dios permitiunos experimentar máis. Foi todo moi distinto e con moita máis identidade.
Como notades ata o momento a resposta do público?
Estamos moi contentos. O primeiro disco foi grazas a un crowdfunding e había apoio de forma moi directa. Neste caso hai moita máis xente detrás. Xente que ao mellor non nos coñece persoalmente, pero que nos segue. Son formas de apoio diferentes, pero ambas igual de gratificantes.
Sodes un grupo de sete persoas máis o equipo técnico. É dicir, un grupo amplo. É fácil coordinar ensaios e eventos?
É moi difícil, pero no último ano o traballo en grupo foi algo que priorizamos. Chegou un punto no que vimos que o proxecto ía adiante, e aí xa todos vimos que era importante poñer o grupo por diante. Todos temos a nosa vida e os nosos compromisos, pero como todos priorizamos o proxecto atopamos momentos para xuntarnos, ensaiar e gravar o disco. En todo o proceso de 'Feira' sempre estivemos os sete con Juan de Dios. É complicado, pero o conseguimos bastante ben.
Fillas de Cassandra, Ortiga, Juan de Dios, De Vacas e Anxo Pintos... O concerto deste xoves ten un cartel que parece case de festival. Como xorden as colaboracións de todos eses artistas?
Todas as colaboracións xorden a partir da nosa conexión persoal con eles. Juan de Dios é o noso produtor, chamámolo 'o octavo pasaxeiro' (risas), con De Vacas levámonos xenial, a Anxo Pintos coñecémolo a través dun proxecto que organizou a SGAE e quixemos convidalo, e con Fillas e Ortiga temos unha gran amizade.
Onde irá a 'Feira' despois deste concerto? Haberá xira?
A idea é que si haxa xira. Queremos, ademais levala ao maior número de sitios posible. Queremos que a xente o goce e que nós desfrutemos enriba do escenario tocando. O directo é do que máis nos gusta, e queremos que haxa oportunidades. Non podemos confirmar datas, pero si confirmamos que haberá concertos dentro e fóra de Galicia.