Vivir en Santiago sendo cego: a historia do xornalista Marco Pereira

Marco Pereira (Xove, 1993) é un xornalista invidente afincado na capital galega. A súa discapacidade non lle impediu acadar logros como graduarse ou dirixir o seu propio programa de radio. Porén, no seu día a día ten que facer fronte a algúns obstáculos inevitables
Vivir en Santiago sendo cego: a historia do xornalista Marco Pereira
O xornalista invidente Marco Pereira posando nunha terraza | CEDIDA

A vista é, para moitos de nós, o sentido nuclear. Del dependemos para practicamente calquera función do noso día a día; para desenvolvernos no noso entorno axeitadamente.


Precisamente é nesta importancia que lle outorgamos onde nace o xermolo das inquedanzas que nos provoca. Quen non pensou algunha vez en como sería a vida sen poder usar os ollos?


Deste interrogante xorden, así mesmo, outras preguntas que, como sociedade, debería ser obrigatorio formular. 

 

Sentimos moita empatía coas persoas que sofren algún tipo de discapacidade visual, diso non cabe dúbida, pero na maioría dos casos este sentimento non se traduce en debates que permitan avanzar na súa inclusión en áreas como a estudantil ou laboral.


O sistema educativo está preparado para formar correctamente a persoas invidentes? As cidades están adaptadas para eles? Poden acceder con normalidade a un emprego?

 

Sen complexos


Marco Pereira (Xove, 1993) é xornalista, ten só un 9% de visión, e fala sen ningún tipo de reparo sobre todos estes asuntos. De feito, considera moi importante dar cobertura a historias como a súa.

 

Marco 2
Marco Pereira


A cegueira, no caso do graduado pola USC, é de nacemento. Unhas sete operacións (tres en Santiago e catro en Barcelona) non foron suficientes para disipar o glaucoma conxénito con que chegou ao mundo.


Esta condición só lle permite diferenciar cores e sombras, polo que non é unha persoa totalmente invidente. Porén, non lle molesta que lle chamen cego, porque a efectos prácticos e segundo el mesmo explica, “é o que é”.


A súa infancia foi complicada, aínda que o xovés afincado en Compostela insiste e recalca que non lle gusta victimizarse.


Non obstante, o certo é escola a que asistiu, desafortunadamente, non tiña os recursos idóneos para traballar cun alumno que non pode ver.


Por este motivo, resultou de gran axuda a figura profesor itinerante da ONCE, un especialista  que complementa a formación recibida no colexio.


Con respecto á socialización, Marco confesa que foi complicada nalgúns momentos, sobre todo na adolescencia, pero que mellorou moito na etapa da madurez.

 

“Creo que a xente non se achega ás persoas invidentes por medo a incomodar. A min persoalmente non me molesta para nada explicar en que consiste a miña discapacidade”

 

Inquedanza xornalística


“Sempre fun unha persoa moi pegada a radio. Toda a vida soñei con ser coma Iñaki Gabilondo ou algúns dos grandes da vella escola”, relata Marco para explicar a orixe da súa paixón polo xornalismo.


O gusto polo medio radiofónico abriulle a posibilidade de emprender os seus propios proxectos en diferentes emisoras locais, moito antes incluso de matricularse na facultade de Ciencias da Comunicación.


Aínda que a discapacidade visual supón un impedimento para cursar con normalidade certos contidos da carreira, o locutor subliña que a maioría de profesores adaptaron ben o currículo e fixeron o posible para facelo accesible.

 

Complicacións da cidade


Moverse na capital galega é, ás veces, complicado. Se aínda por riba substitúes os ollos por un bastón, cada desprazamento é toda unha aventura.


Con todo, Marco resolve todas as situacións bastante ben. A única que realmente se lle atragoa son as viaxes en trasporte público.


Ao non contar estas con megafonía, resúltalle completamente imposible determinar cando debe baixar para chegar ao seu destino.

 

“O transporte público da cidade necesita mellorar. Non pode ser que unha persoa que non pode ver entre nun bus e non haxa unha megafonía que avise de cal é a próxima parada”


Máis alá diso e "as cousas que ten" —referíndose ás obras—, Santiago non é un mal sitio para unha persoa invidente. Polo menos, se falamos da Zona Nova.

 

Se poñemos o foco no Casco Histórico, o xornalista subliña que o feito de que as rúas sexan moi parecidas entre si dificulta enormemente orientarse, aínda que non é nada ao que ningún discapacitado visual poida acostumarse.

 

Marco 3
Marco posando diante da Catedral

 

En calquera caso, Marco insiste en puntualizar que todo o que relata é unha experiencia subxectiva que non se pode extrapolar ao resto de persoas cegas.

 

Malia ser unha historia única, o seu testemuño é importante e necesario para dar a coñecer unha realidade tanxible pero ignorada por áreas como a planificación urbana, os servizos de mobilidade e o sistema educativo.

 

Para as persoas con visión é practicamente imposible imaxinar como é vivir sen ese sentido, pero por sorte podemos preguntarlle a persoas como Marco, encantadas de contestar a todas as nosas dúbidas e contribuír na loita contra os prexuízos

 

Vivir en Santiago sendo cego: a historia do xornalista Marco Pereira

Te puede interesar