O público compostelán respondeu con entusiasmo á proposta escénica Poncia, que esgotou todas as localidades para a súa única función este venres, 30 de maio, ás 20:30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. A obra, dirixida por Luis Luque e interpretada en solitario por Lolita Flores, ofrece unha nova mirada sobre o clásico lorquiano A Casa de Bernarda Alba, poñendo o foco na figura da criada máis veterana da casa.
Partindo do suicidio de Adela, que pecha o texto orixinal de Federico García Lorca, Luque constrúe un soliloquio vibrante e cheo de matices, no que Poncia, a criada, reflexiona sobre os acontecementos que marcaron a vida das mulleres daquela casa. A montaxe aborda temas como a represión, a culpa, a clase social, o xénero e o anseio de liberdade, dando voz a unha personaxe que, desde as marxes, resulta capital para entender a traxedia.
A posta en escena destaca tamén polo seu coidado apartado técnico: a escenografía de Mónica Boromello, a iluminación de Paco Ariza, o vestiario de Almudena Rodríguez Huertas e a música de Luis Miguel Cobo contribúen a crear unha atmosfera intensa e envolvente que potencia a entrega emocional da actriz.
Poncia chega a Santiago da man de Pentación Espectáculos e Teatro Español, dúas produtoras de referencia no panorama teatral estatal. A escolla de Lolita Flores para encarnar este papel tan cargado de forza emocional ten sido aclamada tanto pola crítica como polo público, consolidando esta proposta como unha das máis destacadas do teatro contemporáneo español recente.