O programa Apego enche de actividades o verán das crianzas compostelás durante o mes de xullo

A inscrición é obrigatoria para participar nas actividades, que se celebrarán todas as semanas no Espazo Apego
O programa Apego enche de actividades o verán das crianzas compostelás durante o mes de xullo
Imaxe de arquivo dunha actividade organizada polo Espazo Apego

O programa Apego dá a benvida ao mes de xullo cunha programación estival chea de creatividade e diversión para as crianzas de Compostela. Baixo o lema do verán como tempo de lecer e aprendizaxe, o Espazo Apego acollerá cada semana actividades adaptadas a diferentes idades co obxectivo de promover a socialización en galego desde a primeira infancia.

 

As propostas inclúen obradoiros de cociña, xogos psicomotores, experiencias científicas, narración oral, contacontos e espectáculos musicais, sempre con inscrición previa obrigatoria a través dos formularios habilitados na web. A confirmación da praza remitirase por correo electrónico o día anterior á actividade, ou o venres anterior no caso dos luns.

 

Os luns: xogos, experimentos e torta de Santiago

Cada luns, de 17.00 a 19.00 horas, as crianzas de 2 a 6 anos poderán participar en diferentes propostas arredor do xogo, a cociña ou a ciencia. O día 7 farase unha sesión de Merendolas na que se elaborará a torta de Santiago, mentres que o día 21 prepararase un menú de pícnic. Tamén haberá espazo para a psicomotricidade con Movéndonos con Apego o día 14, e para a experimentación científica o día 28.

 

Os martes: tardes de contos en familia

As tardes dos martes estarán dedicadas á lectura e á imaxinación. Cada sesión ofrecerá dúas quendas: unha para crianzas de 0 a 3 anos ás 17.00 horas e outra para as de 3 a 6 anos ás 18.15. As sesións celebraranse os días 1, 8, 15, 22 e 29 de xullo, cun enfoque temático adaptado a cada idade para favorecer a adquisición de vocabulario e a comprensión do mundo a través dos contos.

 

Os mércores: enredar, fabricar e xogar en galego

As tardes dos mércores tamén estarán cheas de actividade con Enredando e lingoretando, unha proposta que combina xogo libre e guiado para fomentar a interacción en galego. A actividade contará con dous grupos: un para crianzas de 0 a 3 anos acompañadas e outro para as de 3 a 6 anos sen acompañamento. Todas as sesións desenvolveranse de 17.00 a 19.00 horas.

 

O día 2 xogaranse con palabras, o día 9 fabricaranse xoguetes, o día 16 a actividade trasladarase ao patio e os días 23 e 30 organizaranse xincanas lingüísticas.

 

Os xoves: espectáculos para os máis pequenos

O ciclo Tachán! achegará dúas propostas escénicas de calidade pensadas para a primeira infancia. O día 3, Luis Prego e Samuel Soto ofrecerán Prende no colo, unha sesión musical con cantigas, xogos e ritmos para crianzas de 0 a 3 anos. O día 17, Sole Felloza traerá A viaxe de Lup, un espectáculo de narración oral e sensorial para nenos e nenas de 0 a 4 anos.

 

Un verán para medrar en galego

Con esta programación, o Espazo Apego consolida a súa proposta de lecer educativo e participativo para as familias compostelás, nun ambiente seguro, afectivo e de inmersión lingüística en galego. As actividades están pensadas para favorecer o desenvolvemento emocional, cognitivo e social das crianzas a través do xogo, a arte e a exploración do mundo.

O programa Apego enche de actividades o verán das crianzas compostelás durante o mes de xullo

Te puede interesar