O Concello de Santiago anunciou a mañá de onte a través da concelleira de Xuventude, María Rozas, a súa intención de recuperar o Consello Municipal de Xuventude.
Por este motivo, elaboraron un novo regulamento do funcionamento interno do órgano, xa que a normativa vixente databa do 2001 e, como explicaba a propia tenenta de alcaldesa, “agora existen canles de participación que non tiñamos hai 20 anos”.
Ademais, a representante municipal xa manifestou a intención de que insitucións como a Universidade, o centro xove de Almáciga ou outras institucións educativas conten cun papel máis destacado nos encontros.
Unha das principais novidades desta nova —ou renovada— ferramenta será a participación de, como mínimo, cinco vogalías exercidas por mozos de 3º da ESO ou cursos superiores que representarán á súa franxa de idade ou ao seu barrio.
Do mesmo xeito, o novo regulamento tamén recolle que as sesións celebradas no marco do consello serán abertas á participación —con voz pero sen voto— de todas as persoas de entre 14 e 30 anos.
Raxoi está a poñer os seus esforzos en impulsar a participación e a implicación da cidadanía nos asuntos locais.
Por este motivo, desde o Concello marcáronse a meta de recuperar a actividade dos consellos municipais. Incluso dos que levaban máis tempo sen reunirse, como era o caso do centrado na mocidade.
Así, este último súmase ao de Cooperación e Solidariedade, ao de Persoas Maiores e ao de Igualdade; algúns dos organismos recuperados no mandato de Goretti Sanmartín.