Santiago celebrará a Semana Europea da Mobilidade cunha pedalada popular e actividades infantís

A xornada, adiada polo mal tempo ao 28 de setembro, busca reivindicar a bicicleta e a recuperación das rúas como espazos para as persoas baixo o lema “Mobilidade para todos”
Santiago celebrará a Semana Europea da Mobilidade cunha pedalada popular e actividades infantís
A rúa da Senra converterase no epicentro das actividades pola Semana Europea da Mobilidade en Compostela

O Concello de Santiago súmase á conmemoración da Semana Europea da Mobilidade, cunha xornada que quere reivindicar a recuperación de espazos para as persoas e o uso da bicicleta como modo de transporte nas cidades. As actividades terán como epicentro a rúa da Senra, e adiaránse ao 28 de setembro, de 10.30 a 14.00 horas, ante as previsións metereolóxicas adversas para esta fin de semana.

 

Pedalada pola cidade

Unha das actividades centrais da xornada será a pedalada popular organizada en colaboración con Composcleta. Para participar, é preciso inscribirse previamente no neste formulario.


A pedalada sairá da rúa da Senra ás 12:00 horas, e pasará por Fonte de Santo Antonio, rúa da Ensinanza, Virxe da Cerca, rúa de San Pedro, Concheiros, rúa Berlín, rúa Lisboa, rúa Londres e Fontes do Sar, para pasar despois pola senda ciclista nas Brañas de Sar, a rúa Clara Campoamor, a rúa Escultor Camilo Otero, Cornes, Romero Donallo, a avenida das Burgas, a avenida da Coruña, Rosalía de Castro e Xoán Carlos I.


Actividades infantís

O programa inclúe ademais numerosas actividades infantís, nas que o Concello conta coa colaboración do Centro Xuvenil Don Bosco, a Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela, e Anxo Moure.


Así, o Centro Xuvenil Don Bosco dirixirá diferentes obradoiros para animar aos nenos e nenas a reflexionar sobre unha mobilidade máis sostible e inclusiva para todas as persoas, organizará unha xincana en bicicleta para a cativada, cun circuito adaptado no que poderán recoñecer sinais de tráfico e algunhas normas de circulación; e tamén impulsará outras actividades complementarias como xogos de mesa.


Da man da Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela, a rúa da Senra recuperará xogos como a bilarda, a petanca, o tiro da corda ou os zancos, “reivindicando que os espazos públicos e as rúas deben ser espazos seguros para o xogo”. Por último, na xornada participará Anxo Moure, de “O carballo con botas”, que levará á Senra a súa “ciclobiblioteca”, fomentando de maneira parella tanto a lectura como o uso da bicicleta.


A Semana Europea da Mobilidade celébrase este ano co lema “Mobilidade para todos” e tén como obxectivo asegurar que ningunha persoa quede excluída da mobilidade sostible por razóns económicas, xeográficas ou culturais. 

Santiago celebrará a Semana Europea da Mobilidade cunha pedalada popular e actividades infantís

Te puede interesar