Santiago continúa avanzando na implementación de solucións innovadoras coa posta en marcha dunha infraestrutura verde pioneira. O sistema inclúe dous dispositivos de drenaxe urbana sustentable (SUDS) e un humidal artificial concibido para tratar as augas de escorras antes de retornar ao medio natural, mellorando así a calidade das augas que poderían chegar ao río Sar.
Situada no polígono da Sionlla, esta instalación está deseñada para reter máis do 70% dos hidrocarburos, aceites, microplásticos e sólidos en suspensión arrastrados pola chuvia, e que actualmente se verten no río. Trátase dunha aposta estratéxica por solucións baseadas na natureza para responder ao reto da auga urbana contaminada, seguindo os obxectivos de xestión integral de augas residuais e pluviais recollidos pola nova Directiva (UE) 2024/3019 sobre o tratamento das augas residuais urbanas.
O inicio desta infraestrutura marca un fi to dentro das accións que impulsa o proxecto europeo Waterun en Santiago. Para avaliar o seu progreso e coordinar os próximos pasos, a sede de Viaqua en Santiago, A Vila da Auga, acolleu onte unha nova reunión do Comité Consultivo Local do proxecto, na que participaron o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, técnicos municipais do Concello de Santiago, e representantes de Viaqua, Cetaqua e entidades como Aimen e Seecon. O encontro de onte centrouse na visita técnica á nova infraestrutura e na análise do caso de estudo de Santiago coas entidades implicadas