Santiago mantén por segundo ano as bolsas escolares sen lista de agarda

Xa se pode consultar a resolución provisional da convocatoria para acceder ao comedor, material e actividades extraescolares
Santiago mantén por segundo ano as bolsas escolares sen lista de agarda
A tenenta de alcaldesa María Rozas

Preto de 1.900 alumnos e alumnas de Infantil e Primaria serán beneficiarios das bolsas de comedor escolar, adquisición de material ou actividades extraescolares, na convocatoria para o próximo curso 2025-2026. A maioría das axudas concedidas provisionalmente, 1.365, corresponden á modalidade de escaseza de recursos, das que 779 son bolsas de comedor, e 586, axudas para a realización de actividades extraescolares. Ademais, segundo a resolución provisional, 260 nenos e nenas recibirán axudas municipais para a adquisición de material escolar, e 219 terán bolsa de comedor escolar na modalidade de conciliación.

 

María Rozas destacou que este será o segundo curso consecutivo sen lista de agarda nesta convocatoria “algo que nunca acontecera ata o ano pasado, e que tén que ver co esforzo orzamentario que facemos con estas axudas”. A concelleira explicou que o número total de bolsas concedidas segundo a resolución provisional redúcese lixeiramente con respecto ao ano pasado, no que se concederon 1.997 axudas; pero manténse moi por riba de cursos anteriores. 

 

Aposta pola igualdade de oportunidades

A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais destina á convocatoria de bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares un orzamento de 1,1 millón de euros. É o mesmo presuposto do ano pasado, e un 40% máis que no curso 2022-2023. María Rozas lembrou que “Santiago é a cidade galega que fai unha aposta máis clara por este tipo de axudas, ás que hai dez anos o Concello só destinaba 85.000 euros, fronte ao 1,1 millón de euros deste curso”. A tenenta de alcaldesa salientou que “con esta convocatoria facemos unha aposta clara pola igualdade de oportunidades, que se reflexa ademais de no orzamento nas novidades que vimos introducindo na convocatoria tanto no que tén que ver coas contías das axudas como no relativo aos criterios de renda aplicados”. 

 

Este ano, a principal novidade foi o incremento do importe máximo das bolsas de comedor na modalidade de escaseza de recursos, que pasou dos 90 aos 100 euros mensuais. No caso dos centros de educación especial, esta axuda pode chegar ata os 180 euros mensuais, a mesma contía do ano pasado. Tamén se mantiveron os importes da convocatoria anterior nas demais modadalides de axudas.

 

Prazo para as reclamacións

O prazo para a presentación de reclamacións á resolución provisional das bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares remata o próximo día 18 de agosto. No prazo de subsanación non se aceptará a presentación de documentación que debera ter sido achegada no prazo ordinario de presentación de solicitudes.

Santiago mantén por segundo ano as bolsas escolares sen lista de agarda

Te puede interesar