Santiago de Compostela foi o escenario de 696.085 estadías nos primeiros seis meses deste ano. Destas, 365.132 estadías foron internacionais, unha cifra similar a do ano pasado, con dous meses consecutivos, maio e xuño, nos que superaron as 100.000 estadías foráneas. Este volume de turismo internacional tamén implica que se produza un incremento da tarifa media, e polo tanto que o modelo aporte maior valor engadido ao conxunto da cidade.
“A evolución turística neste 2025 continúa sendo positiva” asegura a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, quen engade que “xa o ano pasado fora o ano con maior número de estadías na cidade, polo que estamos falando de cifras que medran ano a ano no noso destino”.
Neste sentido, Míriam Louzao indica que “esta tendencia vai na liña do modelo turístico cara o que temos que camiñar, incrementando o número de persoas visitantes que quedan a durmir na cidade, que fan máis gasto tanto nos establecementos de aloxamento como noutros sectores como os transportes, o comercio e a hostalaría en xeral”.
Respecto á tarifa media, no mes de xuño foi de 108,13 euros, o que supón un incremento do 8% con respecto ao mes de xuño do pasado ano. En relación a outros destinos galegos, e segundo datos do INE, a tarifa media no mesmo mes en A Coruña foi de 79,94 euros e en Vigo foi de 77,63 euros. En canto ao número de estadías de xaneiro a xuño, Compostela segue liderando a primeira posición con 696.085, seguida da Coruña con 479.519 e de Vigo con 372.190.