Unha homenaxe a Castelao en Bonaval lembra os 41 anos do traslado dos seus restos a Compostela

O acto celebrarase o 27 de xuño ás 20.00 horas no Panteón de Galegos Ilustres, coincidindo co 41 aniversario da chegada dos seus restos a Santiago
Unha homenaxe a Castelao en Bonaval lembra os 41 anos do traslado dos seus restos a Compostela
A cita, que inclúe unha ofrenda floral na tumba do intelectual galeguista, conmemora tamén o 41 aniversario da chegada dos seus restos desde Bos Aires

As entidades Vía Galega e Galiza Cultura celebrarán este xoves 27 de xuño ás 20.00 horas un acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, co obxectivo de reivindicar a súa figura e pensamento político, artístico e literario, e rescatalos do que consideran unha "manipulación" e "confinamento" por parte da Xunta de Galicia.

 

A cita, que inclúe unha ofrenda floral na tumba do intelectual galeguista, conmemora tamén o 41 aniversario da chegada dos seus restos desde Bos Aires, nun traslado que, segundo sinalan os organizadores, tiña como fin lexitimar o marco autonómico e ocultar o seu ideario nacionalista.

 

 

Lecturas, música e reflexión

O acto comezará cun saúdo institucional a cargo de Anxo Louzao, coordinador de Vía Galega; Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. A continuación, Tereixa Navaza e Carlos Callón conducirán a homenaxe e darán lectura a diferentes fragmentos da obra de Castelao.

 

A música correrá a cargo da coral Solfa, que interpretará pezas inspiradas na figura do autor, como A Castelao, poema de Manuel María (coa estrea da súa música), Olla meu irmau honrado, de Celso Emilio Ferreiro, Lela, do propio Castelao, e Na morte de Castelao, de Ramón Cabanillas.

 

Un dos momentos centrais será a intervención de Pilar García Negro, que ofrecerá unha reflexión baixo o título “O valor de Castelao no século XXI”.

Unha homenaxe a Castelao en Bonaval lembra os 41 anos do traslado dos seus restos a Compostela

Te puede interesar