O trastorno do espectro autista (TEA) é unha condición que, segundo os últimos datos, afecta a unha de cada 100 persoas en España. Nos últimos anos estase a percibir un aumento na súa valoración e consecuente diagnóstico, froito do maior coñecemento na sociedade e dunha necesidade urxente de poñer nome a unha forma de ser fóra do convencional.
Neste contexto é máis relevante ca nunca a existencia de servizos de apoio e divulgación sobre o espectro. En Compostela hai case unha década que opera Asperga, a Asociación Galega de Asperger. Esta entidade naceu no ano 2006 na Coruña grazas ao traballo dun grupo de familias que compartían coma nexo o teren no seu seo algunha persoa con TEA. Impulsadas pola necesidade, uniron azos para buscar recursos e brindárense apoio.
Os obxectivos de Asperga apenas mudaron desde a súa creación, mais foron adaptándose ás novas necesidades dos seus usuarios. Un dos seus principais servizos é o de sensibilizar e concienciar sobre a síndrome de Asperger e o TEA na contorna, para o que funcionan coma un centro integral de apoio e referencia para as persoas con autismo e as súas familias. En Santiago contan con cinco psicólogos, dous logopedas, dous terapeutas ocupacionais, un orientador e un administrativo. Todos eles son esenciais para asegurar unha atención integral.
Desde Asperga organizan formacións e talleres destinados ao público xeral, e máis en concreto para os centros educativos, tanto para alumnado coma para docentes, e para persoal sanitario. A maiores, o servizo de orientación e información está especialmente pensado para as persoas con autismo e as súas familias, tanto se hai un diagnóstico coma se este aínda non chegou.
Máis de 500 usuarios recibiron asesoría de Asperga no último ano, das cales 124 acudiron á sede de Compostela. Hai diferentes sinais que poden activar as alarmas por un posible caso de TEA, e que moven ás persoas a informarse para saír de dúbidas. Por exemplo, a interacción social e as habilidades comunicativas son diferentes nas persoas que forman parte do espectro.
Inés López Pais, psicóloga de Asperga en Santiago, indica que as persoas con TEA poden manifestar complicacións na linguaxe verbal e non verbal, así como na comprensión de certos discursos e detección de dobres sentidos. “Tamén adoitan ter dificultades para iniciar relacións sociais, limitan os temas de conversación e pode custarlles manter o contacto visual, se ben hai que ter en conta que estamos falando dun espectro e iso implica que as características poden ser diferentes e manifestarse de distinto xeito en cada persoa”, explica.
Hai que ter en conta que estamos falando dun espectro e iso implica que as características poden ser diferentes e manifestarse de distinto xeito en cada persoa
Moitas persoas autistas teñen condutas repetitivas e tenden a ter intereses restrinxidos. Notifícase certa inflexibilidade cognitiva e con frecuencia para autorregulárense presentan alteracións como a predisposición a realizar movementos repetitivos.
Non obstante, a capacidade intelectual é igual ou incluso en ocasións superior á media. Entre un 45% e un 70% das persoas autistas non teñen discapacidade intelectual, pero si precisan necesidades de apoio específicas noutras áreas.
Aínda que é certo que os datos indican que a predominancia do TEA é maior en homes, a práctica parece apoiar que o autismo en mulleres está infradiagnosticado, pois os síntomas, con frecuencia, pasan máis desapercibidos nelas. A valoración do trastorno pode levarse a cabo a partir dos dous anos, pero é frecuente que os sinais se manifesten máis tarde.
Cada vez medra máis a demanda para realizar un diagnóstico, e tamén é máis frecuente que persoas adultas descubran que pertencen ao espectro. En ocasións, é cando levan aos seus fillos a facer unha valoración cando se fan conscientes de que comparten as mesmas características que eles.
As familias son un piar fundamental no desenvolvemento das persoas con TEA. Son elas as que deben continuar o traballo que se fai nas sesións levadas a cabo na asociación. Tamén é relevante o contacto cos profesores, para informar sobre a evolución dos usuarios e dar pautas de actuación, xa que, malia existir un protocolo de TEA xeral publicado pola Xunta, as necesidades son específicas en función de cada caso.
En Santiago realízanse sesións individuais pero tamén talleres grupais e espazos nos que os familiares tamén poden participar. Un dos servizos chave é o de atención temperá, para usuarios de cero a sete anos que non teñen por que estar diagnosticados e nos que traballan co logopeda, o psicólogo e o terapeuta ocupacional. Tamén hai un servizo de apoio educativo no que se abordan técnicas de estudo, e talleres de habilidades sociais.
O lecer, parte fundamental na vida de calquera persoa, tamén ten espazo en Asperga, así como o deporte a través de actividades coma fútbol, xadrez ou natación. Recentemente puxeron en marcha un club de lectura que se reúne cada 15 días. A maiores organizan campamentos.
Ademais do servizo de valoración do TEA, o de apoio a familias e usuarios e o de orientación laboral, que son básicos, en Compostela destaca o programa de transición á vida adulta, orientado a usuarios de máis de 18 anos e que, de novo coa axuda dun psicólogo, un terapeuta ocupacional e un logopeda, traballan para potenciar a súa autonomía, vida socio laboral e tempo libre.
Todos estes servizos compleméntanse cos da sede da Coruña, que leva máis tempo en funcionamento e acolle un maior número de usuarios.
As persoas que se inclúen no espectro, e que poden autodenominarse ben co termo Asperger ou ben co de autista ou persoa neurodiverxente, teñen características e necesidades diferentes, mais non por iso a súa maneira de vivir a vida é incorrecta. Aldara Suárez Miguéns, do departamento de comunicación de Asperga, incide na importancia de “respectar a diversidade, pois todos somos distintos. Debemos dar espazo porque cada un ten os seus tempos, e facer o esforzo por comprender o que é diferente, mesmo aínda que nos resulte estraño”.
Debemos respectar a diversidade e dar espazo porque cada un ten os seus propios tempos, e facer o esforzo por comprender o que é diferente, mesmo aínda que nos resulte estraño
Por riba de todo, da sociedade precísase atención, escoita e comprensión das características das persoas con TEA para poder darlles o apoio que necesitan. Déronse grandes pasos adiante nesta liña, mais os esforzos deben continuar. A información segue a ser o elemento fundamental para acadar o entendemento e mobilizar as accións de axuda.