Santiago de Compostela volverá converterse este setembro nun epicentro da cultura contemporánea coa celebración do WOS Festival x SON Estrella Galicia, que regresará á capital galega do 11 ao 14 de setembro tras un ano de pausa. A oitava edición do festival, organizado pola produtora compostelá Work On Sunday, traerá unha programación multidisciplinar, vangardista e de alto nivel artístico, repartida por máis dunha decena de espazos singulares da cidade.
Desde teatros, igrexas ou salas de concertos ata clubes e localizacións inesperadas, o WOS Festival activará Compostela con electrónica avanzada, performances internacionais, obras site-specific, proxeccións audiovisuais e mesas de debate, conformando unha proposta que xa foi premiada como Mellor Festival Indoor Nacional en 2023 e recoñecida a nivel europeo.
Os primeiros abonos a prezo reducido, coñecidos como Early Birds, xa están esgotados. Non obstante, o público aínda pode adquirir o Festival Pass, que dá acceso a todos os concertos e actividades durante os catro días, ou o Weekend Pass, válido para venres 12, sábado 13 e o concerto de peche do domingo 14.
Como novidade, os abonos inclúen por primeira vez o acceso ás proxeccións cinematográficas de NUMAX, unha das demandas máis repetidas polo público en edicións anteriores.
O festival tamén anunciou que haberá un 10% de desconto nos abonos para persoas con Carné Xove, estudantes da USC, persoas desempregadas ou con diversidade funcional igual ou superior ao 33%. Será necesario acreditar a condición correspondente no momento de retirar a pulseira de acceso.
Nas vindeiras semanas daranse a coñecer os primeiros nomes do cartel, momento no que se actualizarán os prezos e estarán dispoñibles entradas a través de DICE e Ataquilla.com.
O WOS Festival conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo (no marco dos Concertos do Xacobeo), a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.