O escritor, xornalista e profesor universitario Xosé Antonio Neira Cruz foi proclamado gañador da cuarta edición do Premio Exeria de creación literaria, convocado pola Concellaría de Capital Cultural do Concello de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863, dirixida pola escritora Yolanda Castaño.
O galardón permitirá ao autor compostelán desenvolver o seu novo proxecto de novela durante unha estadía dun mes na residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi, no sur da Toscana italiana, ademais de recibir unha axuda económica de 3.000 euros.
O xurado —composto por Berta Dávila, Agustín Agra e Gemma Sesar, con asistencia técnica municipal— destacou no seu fallo a solvencia narrativa, o rigor e a coherencia do proxecto presentado, así como a súa axeitada relación coa contorna na que se desenvolverá a residencia, aspectos que foron clave na decisión final. Tamén se valorou a vinculación do autor coa cidade de Santiago, un dos criterios principais do certame.
Nacido en Compostela en 1968, Xosé A. Neira Cruz é doutor en Xornalismo e Filoloxía Italiana pola USC e en Dereito pola Universidade de La Rioja. É profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e desenvolveu unha intensa actividade como escritor, editor e xestor cultural.
No eido literario, posúe unha ampla traxectoria recoñecida con premios como o Merlín, Barco de Vapor, Raíña Lupa, Repsol de Novela, Manuel María de Teatro, Fiz Vergara Vilariño ou o Xosé M. López Ardeiro de poesía, entre moitos outros.
Fóra de Galicia, foi galardoado co Premio Lazarillo, o Premio ao Mellor Libro Estranxeiro publicado no Brasil (2006) e tres veces incluído na prestixiosa selección White Ravens da Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic. A súa obra tamén figura na lista “Los Mejores” do Banco do Libro de Venezuela.
Con máis de trinta títulos publicados, Neira Cruz participou como autor convidado en feiras e festivais literarios de Buenos Aires, Río de Xaneiro, La Habana, Guadalajara (México), Berlín e Montecassino, e a súa obra foi estudada en universidades como a de Boloña, onde xa se defenderon varias teses sobre os seus libros.
O Premio Exeria 2025 supón un novo recoñecemento ao seu traballo creativo e ofreceralle un espazo de concentración e inspiración no corazón da Toscana para seguir engadindo capítulos á súa sólida traxectoria literaria.