Nun mundo cada vez máis comprometido coa natureza, Galicia reivindícase como un destino saudable, sostible e respectuoso co medio ambiente. A diversidade da súa paisaxe, o coidado das súas especies autóctonas, o compromiso coa reciclaxe e a limpeza dos ríos e da costa, así como un clima moderado no que aínda hai estacións, convértena nun territorio singular no mapa turístico europeo.
Desde Turismo de Galicia trabállase para consolidar este modelo, que busca atraer visitantes durante todo o ano, ofrecendo unha experiencia ligada á natureza, á cultura e ao benestar. Entrevistamos ao responsable deste departamento do Goberno galego, Xosé Merelles, para afondar nesta estratexia e coñecer como se está a construír un turismo sustentado no respecto, na responsabilidade e nun futuro compartido.
Como se traballa desde Turismo de Galicia para que a nosa Comunidade sexa recoñecida, non só pola súa cultura e gastronomía, senón tamén pola súa exemplar protección do entorno natural?
A sostibilidade é un dos eixos clave de traballo de Turismo de Galicia desde hai anos. Non se trata só de planificar unha ou dúas medidas concretas, senón que resulta transversal a todo o traballo do departamento. Así queda recollido na Estratexia de Turismo 2030, que reflicte unha visión na que resulta esencial reforzar os parámetros de sostibilidade en tres aspectos: social, económica e ambiental.
A aposta por Galicia como destino turístico debe ir da man da preservación da contorna, das nosas paisaxes, pero tamén debemos achar ese necesario equilibrio entre crecemento económico e a chegada de persoas, polo que debemos minimizar, na medida do posible, os efectos do turismo sobre o medio. E moi importante: en todo isto, debemos ir da man da poboación residente.
Está claro que a paisaxe é un elemento diferenciador da nosa oferta turística pero tamén temos en conta a gastronomía, o patrimonio, a cultura, a tradición e outros moitos valores que nos definen como un destino sostible e auténtico. A isto hai que engadir a singularidade que nos dá o Camiño de Santiago. En todos eles, traballamos para poñelos en valor e creo que o estamos a conseguir.
Nos últimos anos, o clima parece ser un elemento a valorar por parte dos turistas á hora de elixir un destino. A que se debe este recoñecemento e cal é o potencial turístico asociado a esa idea?
No contexto actual, Galicia está a ser un destino cada vez máis demandado. Así o demostran os datos do pasado ano que falan de 8,2 millóns de visitantes. Isto non quere dicir que debamos confiarnos, senón que debemos tratar de manter as características que serven para atraer a turistas, en busca de espazos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente. Para que isto siga sendo así, na nosa Estratexia de Turismo temos unha das oito misións centrada na sostibilidade integral do turismo, coa xestión eficiente dos recursos como unha das medidas nas que incidir. Porque configurarse como destino tractor de turismo que aproveita este potencial ten que ir sempre da man dunha oferta que garanta o equilibrio entre a chegada de viaxeiros e a capacidade de absorción destas persoas.
A Xunta vén destacando que Galicia segue sendo unha terra na que aínda existen as estacións. Por que é tan importante esa continuidade climática e que vantaxes ten para atraer visitantes?
Está claro que Galicia amosa unhas condicións ideais para o turismo en distintas épocas do ano, con temperaturas moderadas tanto en inverno como en verán. -A isto hai que engadir outros moitos valores do noso destino. Ademais, polas diversas paisaxes que engloba, as persoas que a visiten poden atopar variedade de experiencias e contornas, o que fai que ofreza unha gama ampla de posibilidades. Pero todos temos que traballar para que isto siga sendo así, para que se afiance o turismo como fonte de recursos e de desenvolvemento económico do territorio.
Percorrer Galicia no verán non é o mesmo que facelo no outono ou no inverno. Que mensaxe lle trasladaría a quen aínda pensa que o mellor é vir en xullo ou agosto?
Percorrer Galicia sempre é un pracer pero facelo fóra de tempada garante unha experiencia diferencial, moito máis singularizada. Para quen só busca turismo de praia, os meses de maio, xuño ou setembro ofrecen temperaturas máis suaves, maior posibilidade de aloxamento e restauración e menos dificultades para gozar dos recursos e das actividades. Para quen gusta doutros atractivos, desde a experiencia que supón o Camiño de Santiago ao turismo termal, o activo ou o cultural, a oferta neste sentido mantense ao longo do ano, o que permite descubrir unha Galicia máis próxima á poboación local.
Falouse moito de Galicia como un “tesouro natural”: desde as fragas ata os ríos limpos, pasando polos bosques e a fauna autóctona. Que papel xoga a conservación do medio neste modelo turístico?
Sen dúbida, un papel esencial. Desde a Xunta e concretamente desde Turismo vimos traballando especificamente na conservación do patrimonio natural e da paisaxe, que recoñece o especial vínculo da oferta turística cos recursos paisaxísticos e naturais de Galicia. Isto axúdanos na nosa definición como destino auténtico e diferenciado, comprometéndonos coa conservación do medio e da biodiversidade. Para isto, desde Turismo investimos un terzo do noso orzamento estratéxico ata 2030 en medidas de carácter sostible.
Que políticas se están a desenvolver para garantir que Galicia siga sendo un destino atractivo tamén no futuro? Que avances destacaría en materia de sostibilidade?
Desde Turismo de Galicia estamos traballando especialmente na desestacionalización do destino pero tamén na diversificación do mesmo, potenciando distintos recursos e iniciativas turísticas repartidas polo territorio. Así, facemos especial fincapé en aspectos tradicionais como é por exemplo, o noso entroido, tan peculiar e tan propio do interior de Ourense e tamén estamos a facer un importante esforzo na potenciación do noso litoral, tendo en conta todas as posibilidades que ofrece a nosa liña de costa ao longo dos 1.500 quilómetros pero tamén o atractivo turístico das nosas illas.
Así, desenvolvemos programas concretos deste Turismo como Primavera de Portas Abertas poñendo en valor a nosa cultura do viño ou tamén o Outono gastronómico promocionando a nosa oferta de turismo rural vinculada coa gastronomía fóra de tempada. Ademais, no eidos da sostibilidade, estamos intentando que os nosos establecementos turísticos sexan cada vez máis sostibles e eficientes. Así, levamos destinados o pasado ano este 2025 máis de 47 millóns de euros para mellorar a calidade, a sostibilidade, a dixitalización e a modernización dos nos establecementos. Deles, 10,9M€ destinámolos a actuacións de eficiencia enerxética e xa se beneficiaron 141 proxectos para mellorar as súas fontes de enerxía e o subministro. Sen dúbida, estamos a facelos máis competitivos e de maior calidade para garantir a mellor experiencia aos visitantes.
A recente transferencia da xestión do litoral a Galicia constitúe un valor engadido á proposta de turismo sostible da comunidade. Que se vai facer desde o ámbito turístico para un maior aproveitamento desta nova realidade?
Efectivamente foi una boa noticia para Galicia pero desde Turismo de Galicia xa vimos apostando desde hai tempo por impulsar os recursos turísticos do noso litoral, a través de distintas medidas transversais. Así, en 2021 xa desenvolvemos o Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral financiado con fondos europeos Next Generation e cun investimento de 29,3M€ que nos permitiu facer importantes actuacións en máis de 70 concellos costeiros galegos.
Xa na actualidade, estamos traballando nunha liña de traballo que nos permitirá continuar impulsando o noso litoral destinando 8M€ a axudas de mellora e adecuación dos establecementos turísticos da costa e tamén crearemos a senda do litoral que permitirá unir A Guarda con Ribadeo. Todo desde o máis absoluto respecto polo medio natural e mariño que dá identidade e singularidade ao noso destino.