A Xunta invertirá 320 millóns de euros no impulso do comercio local grazas o novo plan estratéxico do sector

A Xunta invertirá 320 millóns de euros no impulso do comercio local grazas o novo plan estratéxico do sector

A Xunta de Galicia vén de presentar o novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, unha planificación que recolle 74 accións específicas que mobilizarán máis de 320 millóns de euros nos vindeiros anos co obxectivo de potenciar e incrementar a competitividade, a visibilidade e a gobernanza dun sector fundamental para a economía da Comunidade, que abrangue máis de 32.000 establecementos —sendo a 5ª CCAA de España con maior número de empresas de comercio retallista— e xera 107.000 empregos.

 

Nun escenario marcado polas novas tendencias de consumo e polos desafíos globais dun mercado hiperconectado, o Plan marca un novo fito no esforzo continuado do Goberno galego a este ámbito e busca dar resposta aos retos identificados no proceso de diagnose, realizado pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio, con máis de 300 representantes de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesás, autónomos, cámaras de comercio, persoas consumidoras e administración local.

 

Principais novidades

O Plan estratéxico do comercio de Galicia constitúe unha folla de ruta estratéxica na que se inclúen ambiciosas medidas para garantir o seu futuro, contemplando grandes accións de visibilidade e dinamización, como a creación dun marca unificada do comercio galego ou a aposta pola recuperación de contornas comerciais urbanas de localidades senlleiras co proxecto singular Vilas vivas. A planificación tamén pon o foco de xeito prioritario en potenciar o traballo de importantes axentes do sector para impulsar experiencias de compra diferenciadas, como é o caso dos centros comerciais abertos —potenciando a excelencia das súas propostas— e das prazas de abastos, como auténticos motores do territorio e escaparates do mellor produto galego de calidade, promovendo o selo Mercados excelentes ou sinerxías cos restaurantes das súas contornas a través da iniciativa Prato de mercado.

 

Thumbnail abastos11c

 

A conexión coa mocidade tamén figura como unha das grandes pancas e faino nunha dobre vía: por unha banda, con accións específicas como a campaña Localízate, dirixida a que este colectivo xere vencellos de valor co comercio de proximidade; e, pola outra, prestixiando a actividade comercial para espertar novas vocacións emprendedoras que garantan a necesaria remuda xeracional, favorecendo que se sustenten en proxectos sólidos e viables e que avancen na especialización segundo a evolución dos clientes e das propias necesidades do territorio no que se asentan.

 

Unha aposta pola competitividade

Entre as diferentes medidas para impulsar a competitividade do sector —o primeiro dos eixes do Plan — o documento oriéntase a aspectos clave como o fomento da dixitalización —contemplando accións pioneiras como a creación de espazos de demostración tecnolóxica para os comerciantes nos recintos feirais de Galicia—, a aposta pola modernización dos espazos comerciais como ferramentas atractivas de venda en si mesmas ou o incremento da capacitación profesional, coa posta en marcha, por exemplo, de microformacións dixitais en temáticas moi específicas de interese para o día a día dos negocios ou dun plan de formación para os xerentes dos centros comerciais abertos e prazas de abastos. Tamén neste eixo se artellan accións específicas a prol do emprendemento e a pervivencia de negocios rendibles, promovendo sinerxías coa Rede de polos e buscando atraer o talento de perfís estratéxicos como a mocidade e os galegos retornados. Garantir a remuda tamén é un dos grandes obxectivos para Artesanía de Galicia, buscando a recuperación dos oficios tradicionais con novas iniciativas como as bolsas de aprendices en paralelo ao programa Aprender da tradición.


Medidas a prol da dinamización comercial

No que respecta ao segundo dos eixes, orientado a promover a visibilidade e o consumo no comercio local —e xunto con medidas estrela como os Bonos Activa Comercio ou as xas mencionadas Vilas vivas, Prato de mercado e Localízate—, destaca tamén a colaboración nas Áreas Rexurbe, centrado na recuperación de conxuntos históricos de vilas e cidades galegas. Tamén se recollen medidas a prol doutras figuras clave do comercio galego, como o comercio ambulante —coa promoción do distintivo de calidade Feiras de Galicia— e os obradoiros artesanais —estimulando diferentes vías de comercialización de Artesanía de Galicia e artellando novos programas de divulgación como Artesanía na escola.

 

Reforzo da coordinación do sector

Finalmente, o Plan, a través do seu terceiro eixe, consolidará un modelo activo baseado no coñecemento e na participación de todo o sector. Con ese gallo, crearase a nova Mesa do Comercio Galego, instrumento clave para a axeitada colaboración de todo o ecosistema e as administracións públicas, en paralelo ao traballo que xa se realiza a través das mesas locais de comercio, cuxo papel se seguirá intensificando. Tamén se promoverá a colaboración interinstitucional a prol do comercio coa Fegamp, as cámaras de comercio e os recintos feirais. Adicionalmente, reforzarse o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a favor dos dereitos das persoas consumidoras e, por ende, da calidade dos servizos do sector comercial.

A Xunta invertirá 320 millóns de euros no impulso do comercio local grazas o novo plan estratéxico do sector

Te puede interesar