O Concello de O Pino celebrará o domingo 21 de setembro a vixésima edición da súa Carreira Pedestre Popular, unha cita xa clásica do calendario deportivo local. A competición terá como epicentro a praza de Forcarei, en Arca, onde se situarán tanto a saída como a meta.
Na categoría absoluta, as persoas participantes deberán percorrer 8 quilómetros, mentres que os menores de seis anos realizarán un percorrido simbólico de arredor de 340 metros.
As saídas comezarán ás 10.00 horas coa categoría absoluta e sucederanse de maneira consecutiva ata ás 12.10 horas, cando será a quenda dos máis pequenos.
A inscrición xa está aberta na páxina web carreirasgalegas.com e permanecerá dispoñible ata as 23.59 horas do mércores 17 de setembro. A participación será gratuíta para as categorías escolares (Sub-6 a Sub-18), mentres que os adultos deberán aboar unha cota de 5 euros.
Os dorsais poderán recollerse na secretaría técnica, situada tamén na praza de Forcarei, ata 30 minutos antes do inicio da carreira.
O Concello entregará trofeos aos tres primeiros clasificados en cada categoría, así como ao primeiro e á primeira atleta local empadroados nas categorías escolares (Sub-8 a Sub-18). Ademais, todos os nenos e nenas participantes nas categorías escolares ata Sub-12 recibirán unha medalla conmemorativa.
A organización corre a cargo do Concello de O Pino, baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, e a proba forma parte do XI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña.