Padrón e Compostela celebran a súa irmandade

Padrón e Compostela celebran a súa irmandade
Os rexedores das dúas localidades, Anxo Arca e Goretti Sanmartín, durante o acto

Padrón e Santiago volveron reforzar este Luns de Pascua os vínculos de irmandande que ámbolos municipios veñen celebrando dende hai máis de 60 anos e que “tamén se traducen en actuacións que facilitan a vida cotiá da veciñanza”, sinalou o alcalde padronés, agradecéndolle á súa homóloga compostelá “a colaboración para conformar os tribunais do proceso de estabilización do cadro de persoal de Padrón”. O discurso do rexedor padronés tivo tamén presente ao papa Francisco. Anxo Arca expresou as súas condolencias polo falecemento do pontífice, ao que cualificou como un “reformista no seo da Igrexa”.

 

Máis de 60 anos levan Padrón e Santiago conmemorando o seu irmandamento, tanto nas festas de Pascua, cando a Corporación compostelá visita a capital do Sar, como nas do Apóstolo, nas que é a Corporación padronesa a que se despraza ata a capital de Galicia. Os vínculos que unen ámbolos pobos son moitos, dende os económicos, ata os culturais ou os relixiosos.

 

Anxo Arca volveu recordar que Padrón é o berce da tradición xacobea dende que os discípulos do Apóstolo trouxeron o seu corpo ata Iria Flavia antes de trasladalo a Compostela. Ademais, lembrou que Rosalía de Castro contribuíu a estreitar a unión entre os dous pobos.

 

No salón de plenos, Anxo Arca asegurou que ese nexo entre ámbolos municipios e esa irmandade tradúcense en colaboracións que axudan a mellorar a vida diaria da veciñanza de Padrón e de Santiago. Neste sentido, agradeceulle a Goretti Sanmartín que facilitase que persoal funcionario do Concello de Santiago formase parte dos tribunais que participaron no proceso de estabilización de moitos traballadores e traballadoras do Concello de Padrón que se celebrou nos últimos meses. “Sen esa colaboración, o proceso non se podería facer tan tan rápido”, asegurou.

 

Na súa intervención, o alcalde padronés tivo tamén palabras de condolencia para os representantes da Igrexa católica polo pasamento do papa Francisco, “unha persoa que intentou facer o ben e dignificar unha institución que é importante na nosa sociedade”

 

Pola súa banda, Goretti Sanmartín fíxolle unha homenaxe ás mulleres que non saen nos libros, “as que rexían as casas mentres os homes marchaban” e que foron as verdadeiras artífices do que “entendemos por comunidade”. Son as que “sen escribir na historia, sempre a fixeron. E de todas elas escribiu Rosalía de Castro, a de Padrón e de Compostela”, asegurou a alcaldesa compostelá.

 

Ao rematar as intervencións, houbo un intercambio de presentes. Anxo Arca regaloulle a Goretti Sanmartín un exemplar do libro da Pascua, o primeiro que recolle o saúda da alcaldesa de Santiago. Esta, pola súa banda, agasallou ao anfitrión cun exemplar do libro ‘Santiago de Compostela, o milagre’, escrito por Daniel Asorey, e outro da ‘Flor de Santiago’, de Ruth Varela.

 

O acto de irmandamento comezou na praza de Ramón Tojo, onde o alcalde e a Corporación de Padrón recibiron á de Santiago. Tras o intercambio de pendóns (portados polo padronés Luis Mariño e a compostelá Nerea Barcia), Anxo Arca e Goretti Sanmartín intercambiaron os bastóns de mando, antes de que ámbalas comitivas se dirixiran ata o salón de plenos do Concello de Padrón para celebrar o acto institucional.

 

20250421 Pascua Padron Dia de Santiago en Padron 13
 

 

As autoridades seguiron dende o balcón da casa consistorial as actuacións das bandas de música de Padrón e de Santiago, que rematou coa interpretación dos himnos de España e de Galicia, respectivamente. Logo trasladáronse ata a praza de Macías para escoitar o concerto da Banda Municipal de Santiago, tradicional no Luns de Pascua. Despois, integrantes das dúas corporacións participaron nun xantar de confraternidade.

O Luns de Pascua comezou en Padrón co pasarrúas da Banda de Música de Padrón e continuará pola noite coas verbenas amenizadas polas orquestras Olympus e Los Satélites.

 

O domingo pola noite a orquestra París de Noia e o dj zamorano Ricky Galende, co seu espectáculo Renovation Experience, foron os encargados de amenizar os concertos en Fondo de Vila e no paseo do Espolón, concentrando milleiros de persoas.

 

Mañá, martes 22 de abril, a proba LXII Clásica de Pascua de ciclismo abrirá o programa festivo dende as 10.00 horas. Pola tarde, ás 19.30 horas, celebrarase o Día de Rianxo en Padrón.

Padrón e Compostela celebran a súa irmandade

Te puede interesar