Ames abre o prazo de preinscrición para as Escolas deportivas do curso 2025-2026

As familias poderán apuntarse entre o 8 e o 14 de setembro a través da plataforma Cronos; a oferta inclúe actividades para nenos e adultos
Ames abre o prazo de preinscrición para as Escolas deportivas do curso 2025-2026
O custo da matrícula para todo o curso será de 80 euros para maiores de 18 anos e de 60 euros para menores

O Concello de Ames abrirá o luns 8 de setembro o prazo de preinscrición para as súas Escolas deportivas do curso 2025-2026. As familias terán ata o 14 de setembro para realizar o trámite, que se xestionará unicamente de forma telemática a través da páxina web de Cronos.

 

Para inscribir a un menor, primeiro deberá darse de alta o pai, nai ou titor como titular e despois rexistrar ao menor como beneficiario. Cada persoa só poderá apuntarse nunha escola deportiva e non estará permitido inscribirse en máis dun grupo da mesma actividade.

 

No caso de que haxa máis solicitudes que prazas, o 15 de setembro realizarase un sorteo. A listaxe definitiva de admitidos publicarase o 16 de setembro na web municipal.

 

Oferta deportiva variada

As Escolas deportivas, organizadas polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña, desenvolveranse entre o 1 de outubro de 2025 e o 13 de xuño de 2026.

Na categoría de formación deportiva, a oferta inclúe:

 

  • baile moderno
  • baloncesto
  • fútbol sala feminino e mixto
  • judo
  • natación
  • patinaxe
  • predeporte
  • xadrez
  • tenis
  • voleibol
  • ximnasia rítmica

 

Os maiores de 14 anos tamén poderán participar no programa “Ponte en Forma”, con actividades como aerozumba, adestramento funcional, ioga, pilates, ximnasia de mantemento, spinning, abdominais e glúteos.

 

Tarifas e prazos

O custo da matrícula para todo o curso será de 80 euros para maiores de 18 anos e de 60 euros para menores. O segundo membro menor da unidade familiar pagará 30 euros, e a partir do terceiro só 15 euros.

 

O pagamento poderá realizarse entre o 16 e o 24 de setembro a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello ou nas oficinas de recadación de Bertamiráns e do Milladoiro.

 

Inscricións posteriores e baixas

Durante o curso publicaranse listaxes mensuais de prazas vacantes que se cubrirán por orde de solicitude. As baixas deberán tramitarse a través do Rexistro de Entrada ou da Sede electrónica, e só se devolverá a parte proporcional da cota en casos de forza maior, como enfermidade acreditada.

Ames abre o prazo de preinscrición para as Escolas deportivas do curso 2025-2026

Te puede interesar