A Alameda énchese de culturas no XI Festival Intercultural “Compostela Convive”

Este domingo haberá gastronomía, música, poesía e actividades infantís con participación das comunidades migrantes de dez países
A Alameda énchese de culturas no XI Festival Intercultural “Compostela Convive”
Detalle do cartaz do festival

A Alameda acollerá este domingo o XI Festival Intercultural “Compostela Convive”, organizado pola Plataforma polo Emprego en colaboración coa Unidade Municipal de Atención ás Migracións. No evento participarán as comunidades migrantes de dez países, con stands nos que mostrarán a súa cultura e a súa gastronomía. Haberá tamén un espazo infantil e degustación de produtos típicos de países de todo o mundo.

 

O festival comezará as 12.00 horas no paseo central da Alameda, cun espazo infantil con xogos e contacontos. A partir das 13.00 horas, daráselle lectura a un manifesto por parte de representantes das diferentes comunidades de migrantes, nun acto no que tamén participará a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas.

 

A degustación de produtos gastronómicos típicos comezará a partir das 14.00 horas, e a partir das 16.00 horas haberá unha mostra de diferentes disciplinas artísticas, desde música ata poesía. No Festival haberá stands das comunidades de migrantes de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Paraguai, Perú, República Dominicana, Senegal e Venezuela. 

 

O XI Festival Intercultural “Compostela Convive” fai parte da colaboración que a Unidade Municipal de Atención ás Migracións mantén coa Plataforma polo Emprego, co obxectivo de promover e fomentar a convivencia e o diálogo intercultural. O obxectivo é darlle visibilidade a diferentes culturas a través do teatro, a gastronomía ou a literatura.

A Alameda énchese de culturas no XI Festival Intercultural “Compostela Convive”

Te puede interesar