As “Noites en Vela 2025” chegan este sábado á Casa da Cultura de Bertamiráns con Caamaño & Ameixeiras e As Maianas

A cita, organizada polos concellos de Ames e Negreira, trasládase a un espazo cuberto pola previsión de choiva e contará con servizo de bus gratuíto desde O Milladoiro
As “Noites en Vela 2025” chegan este sábado á Casa da Cultura de Bertamiráns con Caamaño & Ameixeiras e As Maianas
A actuación de Caamaño & Ameixeiras conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Cultura no Camiño 2025

A edición deste ano das Noites en Vela celebrarase finalmente este sábado, 30 de agosto, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, despois de que os concellos de Ames e Negreira decidiran trasladar os concertos a un espazo cuberto debido á previsión de choiva.

 

O evento, que inicialmente estaba previsto para o 19 de xullo en A Ponte Maceira, mantén o seu cartel coas actuacións do grupo de cantareiras As Maianas e do dúo Caamaño & Ameixeiras, recoñecido tanto a nivel nacional como internacional.

 

As Maianas
As Maianas

 

Unha cita xa consolidada

As Noites en Vela naceron en 2016 para poñer en valor a paraxe natural da Ponte Maceira e consolidáronse como unha proposta cultural conxunta entre Ames e Negreira. A edición deste ano, malia ter que adaptarse ás condicións meteorolóxicas, mantén os horarios previstos: os concertos comezarán a partir das 21.00 horas.

 

A actuación de Caamaño & Ameixeiras conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Cultura no Camiño 2025. A entrada será de balde ata completar aforo.

 

 

Servizo de autobús gratuíto

Para facilitar o desprazamento, habilitarase un autobús gratuíto desde O Milladoiro, con saída ás 20.30 horas desde a Casa da Cultura. As persoas interesadas en utilizalo deberán inscribirse enviando un correo a gabinete@ames.gal ou chamando ao teléfono 881 074 730.

 

Os protagonistas musicais

Formadas en Ames no ano 2007, As Maianas destacan pola súa proposta baseada en composicións propias que beben da tradición galega, coa pandeireta, as cunchas e a percusión corporal como protagonistas.

 

Pola súa banda, Caamaño & Ameixeiras, integrado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, combina o repertorio popular galego con arranxos contemporáneos, o que lles valeu un gran recoñecemento no panorama musical tanto dentro como fóra de Galicia.

As “Noites en Vela 2025” chegan este sábado á Casa da Cultura de Bertamiráns con Caamaño & Ameixeiras e As Maianas

Te puede interesar