Brión e Xunta selan un acordo para mellorar as infraestruturas educativas do municipio

Brión e Xunta selan un acordo para mellorar as infraestruturas educativas do municipio
Biblioteca do CEIP de Pedrouzos

Nova aposta pola educación en Brión. O Pleno do Concello aprobou facultar ao alcalde, Pablo Lago Sanmartín, para asinar un protocolo de colaboración coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia que permitirá acometer importantes melloras nos centros educativos do municipio.

 

Trátase dun paso previo á formalización dun convenio que definirá actuacións clave no CEIP de Pedrouzos e no IES de Brión, co obxectivo de mellorar tanto as instalacións como a accesibilidade e a seguridade no entorno escolar.

 

 

Obras no CEIP de Pedrouzos: patio cuberto e espazo para transporte

Segundo o protocolo, a Xunta de Galicia comprométese a executar a rehabilitación e ampliación do patio cuberto do CEIP de Pedrouzos, unha demanda histórica da comunidade educativa. Ademais, realizará a desafección de 200 metros cadrados do colexio, que serán cedidos ao Concello para a construción dunha nova dársena de autobuses.

 

Este novo espazo permitirá mellorar a operativa do transporte escolar e incrementar a seguridade no acceso ao centro.

 

Intervencións no IES de Brión e reorganización do tráfico

O Concello, pola súa parte, asumirá a cubrición dos laterais do patio cuberto do IES de Brión e tamén a execución da nova parada de autobuses, aproveitando a intervención para reorganizar o tráfico na contorna. A actuación beneficiará non só ao alumnado, senón tamén ás persoas que empregan as instalacións deportivas próximas, como o polideportivo e a piscina municipal.

 

 

Uso compartido para ampliar servizos á veciñanza

O acordo tamén contempla a sinatura dun convenio de uso compartido do patio cuberto do IES, de modo que o Concello poida utilizar este espazo para actividades fóra do horario lectivo, ampliando así a oferta de servizos á veciñanza.

 

Con esta colaboración institucional, Brión dá un paso adiante na mellora dos espazos educativos e da calidade de vida escolar, apostando por infraestruturas máis seguras, accesibles e versátiles.

Brión e Xunta selan un acordo para mellorar as infraestruturas educativas do municipio

Te puede interesar