O Chichalovers estreou o pasado mércores a nova tempada do seu xa coñecido Bocata do Chef, e fíxoo da man dun dos grandes nomes da cociña galega contemporánea: Iago Pazos. O cociñeiro, cofundador do proxecto Abastos 2.0, foi o elixido para inaugurar esta edición especial que combina tradición e vangarda arredor do chicharrón, o produto estrela da casa.
A cita, celebrada entre as 20.00 e as 22.00 horas no propio local, reuniu a clientes habituais, influencers e prensa, que puideron ser os primeiros en descubrir quen se agochaba detrás da primeira proposta. No vídeo pódese ver en detalle o bocata, desde a súa preparación ata a degustación final:
A iniciativa do Chicha consiste en convidar cada mes a un chef galego de referencia para reinterpretar o chicharrón cunha receita inédita, dispoñible só durante catro semanas. Neste caso, será a creación de Iago Pazos a que marque o inicio dun ciclo gastronómico que pretende fusionar creatividade culinaria, sustentabilidade e quilómetro cero.
Desde o establecemento destacan que o proxecto busca reivindicar a cociña de proximidade e o traballo dos pequenos produtores, ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia diferente aos chamados Chichalovers.
Con esta proposta, o Chichalovers Santiago consolídase como un dos locais máis innovadores da cidade. A súa aposta por formatos efémeros, como o Bocata do Chef, reforza o seu papel como espazo que une tradición e modernidade arredor dun produto tan identitario como o chicharrón.