Reportaxe | A esgrima está máis de moda ca nunca en Compostela

Nunha pista de catorce metros de largo por metro e medio de ancho os contrincantes branden a súa arma coa fin de dominar o tempo e o espazo, pinchar ao adversario e gañar o asalto
Reportaxe | A esgrima está máis de moda ca nunca en Compostela
Un combate de esgrima

Pinchar ao contrincante cunha espada, un sabre ou un florete. É a premisa da esgrima, un deporte de combate con séculos de historia e que pode practicarse aquí, en Santiago. 

 

No 98B da rúa Cancelas ten a súa sede Compostela Esgrima, unha asociación que leva máis de vinte anos impartindo cursos de esgrima para persoas de todas as idades. Está en activo desde o 1999, aínda que se estabiliza como club no 2003 e hoxe, segundo conta un dos seus fundadores e tamén adestrador, Xosé Piñeiro Fuentes, atópase no seu mellor momento.

 

Compostela Esgrima nace baixo o paraugas da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecendo as súas primeiras clases nas súas instalacións. Máis tarde o apoio pasa a ser brindado polo Concello de Santiago, polo que a actividade se despraza a pavillóns municipais e outros puntos comunais, ata que desde uns anos atrás a asociación funciona de xeito independente

 

Isto foi, para Xosé Piñeiro, o salto soñado: “Comezar a actuar por solitario foi o momento chave, indica un crecemento que foi posible grazas a ter a unha persoa dedicada unicamente a Compostela Esgrima e a contarmos cun local propio”.

 

Comezar a actuar por solitario foi o momento chave, indica un crecemento que foi posible grazas a ter a unha persoa adicaba unicamente a Compostela Esgrima e a contarmos cun local propio

 

Contan cun baixo que acondicionaron para as súas necesidades e no que se practica esgrima de xeito continuo. Xosé dedícase ao cen por cento á tarefa de adestrador xunto con outros dous profesores, Adrián Penido e Víctor Castro.

 

Para todos os públicos

 

En Compostela Esgrima hai deportistas de todas as idades. Organizan grupos seguindo, precisamente, ese criterio, independentemente do nivel. Entre eles teñen un grupo potente de adultos —maiores de dezaseis anos—, que ronda os quince integrantes; e outro grande de rapaces de entre doce e catorce anos. 

 

Esgrimamozos
Un grupo de mozos que practican esgrima | CEDIDA

 

Tal división obedece a que esgrima se organiza por categorías de idades que van desde a M11 (menores de once anos) ata a absoluta (maiores de vinte anos) e a de veteráns, segundo determina a Real Federación Española de Esgrima. A medida que se cumpren anos cámbiase de grupo, non hai que pasar ningún tipo de certificación coma por exemplo no karate, deporte que lexitima o nivel por cintos de cores.

 

Respecto a xéneros, en Compostela Esgrima teñen unha porcentaxe maior de homes ca de mulleres, que Xosé Piñeiro entende como “a tendencia que se ve xeralmente no mundo do deporte”, aínda que a diferenza non é esaxerada: “Igual un 60/40”.

 

No que coinciden todos, homes e mulleres, nenos e nenas, é na paixón por practicar esgrima, que pode deberse a múltiples factores: algunhas persoas chegan a Compostela Esgrima na busca dun deporte individual, outros por casualidade porque lles chama a atención o local desde fóra, e algúns porque descobren a esgrima en filmes ou series. “O perfil é súper variado, temos unha flora e fauna bastante diversa”, asevera Xosé.

 

O perfil é súper variado, temos unha flora e fauna bastante diversa

 

O que está claro é que os que comezan o fan por verdadeiro gusto, porque adoitan continuar practicando o esgrima moitos anos. A porcentaxe de abandono é pequena.

 

Con éxito en Compostela

 

Xosé Piñeiro calcula que hoxe haberá arredor de 140 federados en esgrima na cidade, o que demostra que é un deporte que ten éxito en Santiago: “Que conste que o éxito xa é que haxa esgrima en Santiago, o seguinte paso é que se saiba que estamos aquí e que veñan a probar”.

 

O éxito é que haxa esgrima en Santiago, pero o seguinte paso é que se saiba que estamos aquí

 

Neste sentido, o labor de divulgación que levan a cabo desde Compostela Esgrima é brutal: “Saímos aos colexios a difundir a esgrima, incluso fóra de Santiago. Debo dicir que nos centros educativos alucinan cando ven unha espada, hai moito descoñecemento e xa é hora de poñer a esgrima no lugar que se merece”, afirma Xosé. 

 

Esgrimapromocion
Promoción da esgrima nas escolas | CEDIDA

 

Cabe destacar que a esgrima é un deporte que non require dun excesivo presuposto, o que a fai accesible a máis persoas. O material que se emprega (a arma e o traxe) ten unha vida útil de moitos anos e, por se fose pouco, en Compostela Esgrima os socios non teñen que compralo porque se aluga a partir da cota mensual.

 

Para facer máis accesible se cabe este deporte, en Compostela Esgrima tratan de ofrecer unha batería grande de horarios para que se poida compaxinar con outras actividades: “Aquí quen quere facer esgrima non ten escusa”, di Xosé. Hai clases de luns a sábados en moitas horas distintas.

 

Ademais da actividade habitual, que se basea en clases cos profesores e práctica arredor de dous ou tres días á semana (aínda que existe a opción de ir só un día), tamén teñen algún grupo de tecnificación para aqueles que teñen unha concepción máis divertida e que desfrutan da competición, aínda que ir a campionatos non é o obxectivo último do club: “Non son obrigatorios, pero son unha maneira de certificar o traballo que se fai día a día e pásanse bos momentos. Temos rapaces que teñen boa proxección, coma Araceli e Alberto”.

 

A maiores, nas vacacións organizan campamentos que teñen o obxectivo de facilitar a conciliación coas familias, sempre en Nadal, Semana Santa e verán. Os tres adestradores contan con formación regrada (é necesario saír de Galicia para facer o curso de adestrador de nivel un) e están desexando aprender o deporte da esgrima a novas xeracións.

 

Esgrimaveteranos
Os máis veteráns, xunto cos adestradores e o presidente de Compostela Esgrima | CEDIDA

 

Para calquera interesado en entrar neste deporte de combate, Xosé Piñeiro Fuentes convídaos a visitar as redes sociais de Compostela Esgrima, contactar con eles e pasar pola sala. Só hai que botar un ollo, probar algunha clase, buscar os horarios máis axeitados… e, a partir de aí, unirse e pasalo ben

Reportaxe | A esgrima está máis de moda ca nunca en Compostela

Te puede interesar