O Concello de Ames presenta unha programación infantil con Apego que encherá o outono de música, contos, teatro e maxia

Haberá 16 actividades e 18 sesións de contacontos entre setembro e decembro, incluíndo propostas para conmemorar o Ano Castelao
O Concello de Ames presenta unha programación infantil con Apego que encherá o outono de música, contos, teatro e maxia
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que este ano se incorporan dúas actividades específicas para conmemorar o Ano Castelao, ao tempo que regresan propostas consolidadas como os festivais de maxia e de cinema i

O Concello de Ames deu a coñecer este martes a súa nova programación con Apego para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro, unha oferta que abrangue 16 actividades familiares e 18 sesións de contacontos nas bibliotecas municipais. A iniciativa, organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Cultura e Bibliotecas, busca facilitar ás familias recursos creativos para a transmisión da lingua e promover unha crianza positiva en galego.

 

Un programa diverso para todo tipo de familias

A programación arrincará o venres 12 de setembro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns co espectáculo Para cantar e bailar, de Luís Prego e Samuel Soto. Ao longo do outono, nomes como Cé Orquestra Pantasma, Miudiño, Cris Collazo, Caxoto, A Banda dos Insectos, Soledad Felloza ou Anxo Moure achegarán ao público propostas de música, teatro, poesía, obradoiros, xogos e maxia.

 

Entre as novidades ligadas ao Ano Castelao, representarase o 19 de setembro na Casa da Cultura do Milladoiro a obra Castelao de Culturactiva, protagonizada por Cristina Collazo, e o 28 de novembro, Soledad Felloza ofrecerá no Pazo da Peregrina a sesión Alfabeto Castelao.

 

Animación á lectura en Milladoiro e Bertamiráns

As bibliotecas municipais volverán acoller sesións de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos. Cada mes terá unha temática distinta: Quen se esconde nestes contos? (outubro), Unha risa de contos (novembro) e Un Nadal de contos (decembro). As actividades celebraranse ás 17.30 horas, con inscrición previa obrigatoria.

 

Rosa Moreiras, técnica de Normalización Lingüística, salientou que se trata dunha programación “variada e diversificada entre Milladoiro e Bertamiráns”, mentres que a animadora á lectura, Divina Fernández, lembrou que en setembro tamén haberá sesións especiais con Caxoto e Cristina Collazo.

 

Con esta iniciativa, Ames procura estimular o apego pola lingua galega e ofrecer experiencias compartidas que combinen aprendizaxe, creatividade e diversión para as familias.

O Concello de Ames presenta unha programación infantil con Apego que encherá o outono de música, contos, teatro e maxia

Te puede interesar