Un estudo publicado na revista científica Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS) revela que o cultivo intensivo de millo no Cinto do Millo dos Estados Unidos, unha rexión agrícola que abarca trece estados do medio oeste e sur do país, incrementa de forma significativa as precipitacións. Gonzalo Míguez Macho, profesor da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), é un dos coautores da investigación, realizada en colaboración con especialistas de Estados Unidos e China.
O estudo detalla que o clima continental do Cinto do Millo presenta a súa estación máis chuviosa en primavera e verán, coincidindo co crecemento das plantas. Segundo explica Gonzalo Míguez, “a gran cobertura de cultivos, sobre todo millo, moitas veces irrigados, fai que aumente de maneira apreciable a evaporación e transpiración, e este fluxo incrementado de vapor de auga cara á atmosfera a grande escala tradúcese nun aumento da precipitación”.
O artigo subliña que o incremento da chuvia se debe a un aumento da reciclaxe de precipitacións, que pasa do 14 ao 18%. Este fenómeno é máis pronunciado en anos secos, debido á combinación do transporte de humidade a gran escala e a evotranspiración local.
Outro dos achados relevantes do estudo é a influencia da hidroloxía subterránea e a xestión agrícola no ciclo da auga do Cinto do Millo. Estas interaccións, segundo os investigadores, teñen “implicacións moi importantes para as predicións climáticas rexionais e para a seguridade alimentaria e hidrolóxica”.