Vivir en Compostela é un privilexio por moitos motivos. Se algo caracteriza a esta cidade é a súa variedade en case que calquera ámbito: o cultural, o artístico, e tamén o empresarial. Santiago está repleto de comercios diversos que cobren as necesidades de todos os veciños. Destaca especialmente no mercado de produtos alimentarios e, moi especialmente, ten a vantaxe de contar con varios negocios comprometidos coa sustentabilidade e o produto ecolóxico e de calidade.
Hai uns meses este xornal descubría o mercado agro ecolóxico local Entre lusco e fusco, que todos os martes desprega unha morea de artigos naturais e artesanais no agradable parque de Belvís. Xa na zona nova compostelá tamén traballa na mesma liña A Tenda das Herbas, un pequeno negocio que conta cunha clientela fiel e comprometida co local.
Preto, na avenida Rosalía de Castro, os santiagueses poden atopar outro oasis ecolóxico. Trátase de D’Aldea, que leva desde o 2014 dedicándose á venda de produtos da horta, sostibles, ecolóxicos e quilómetro cero.
Detrás de D’Aldea está Raquel Ríos, enxeñeira e investigadora de profesión que, como moitos outros, durante a crise do 2008 foi apartada do seu medio de vida. Coma ela, a súa parella. Foi a raíz dunha necesidade que os dous xuntos decidiron embarcarse nunha nova aventura empresarial na que hoxe seguen remando con ganas.
“Nós sempre cultivamos na casa, somos persoas que nos preocupamos pola nosa alimentación, de aí que, ante as circunstancias, nos lanzásemos a abrir D’Aldea”, explica Raquel. Conta que non foi unha decisión meditada, pero foi a solución á nova situación na que se atopaban pola recesión económica.
Nós sempre cultivamos na casa, somos persoas que nos preocupamos pola nosa alimentación, de aí que, ante as circunstancias, nos lanzásemos a abrir D’Aldea
Hoxe venden moitos produtos de horta, de proximidade, con selo bio, sempre de pequenos produtores. Nos seus inicios contaban con alimentos plantados por eles mesmos pero “agora non damos”, indica Raquel referíndose aos enormes esforzos que require sacar adiante un negocio destas características. Por suposto, reservan espazo para as persoas celíacas, vexetarianos ou veganos. Asemade, tamén teñen cabida para a cosmética natural.
En D’Aldea son hoxe Raquel e a súa parella, e dúas empregadas máis que os axudan detrás do mostrador. Como bo negocio local, caracterízanse polo bo trato cara os seus clientes, sempre dispostos a axudalos con calquera dúbida ou requirimento que poidan ter.
Maiormente contan cunha clientela habitual, de sempre, que confía no produto ofertado neste negocio. Con todo, sempre entra algunha persoa nova á que a tenda lle queda de paso, xa que se atopa nunha rúa moi concorrida de Santiago.
Raquel acerta á hora de dividir aos compradores en varios grupos: “Temos persoas maiores que buscan verduras de proximidade, clientes que só consomen ecolóxico, e pais con nenos que procuran reducir o seu consumo de azucre, con produtos máis sas”, indica.
Temos persoas maiores que buscan verduras de proximidade, clientes que só consomen ecolóxico, e pais con nenos que procuran reducir o seu consumo de azucre, con produtos máis sás
Do mesmo xeito, o aumento progresivo da poboación que acode a nutricionistas para planificar as súas dietas tamén afecta ao volume de negocio de D’Aldea. É habitual que neste tipo de tendas se encontren artigos que non se venden en grandes superficies, de maior calidade e máis saudables.
Aínda que xa non despachan produtos directamente sacados da súa horta, os artigos seguen a ser locais e naturais. Contan cun grupo de pequenos produtores que cultivan para eles. De entre eles saen produtos gourmet que teñen unha acollida excelente entre os compradores.
“Chamámoslles produtos gourmet aos elaborados por pequenos produtores que buscan algo de saída con obras artesanais e persoais”, expresa Raquel Ríos. Así, entre eles están, por exemplo, tofus, queixos, viños…
Nun espazo amplo e ben organizado os alimentos dispóñense uns tras outros, enchendo de cor todo o local. Cada pouco entran novos clientes dispostos a encher os seus cestos con eses iogures, esas froitas ou o café co que inician cada mañá.
A variedade é tal que non hai un produto estrela, todos se venden case que por igual. Con todo, é certo que algúns teñen moita fama: “os clientes identifican algún produto directamente con nós. É o caso das galletas burganas, que as temos sempre expostas no escaparate, chámanlles ‘as galletas d’aldea”, asevera.
En contra do que moita xente pensa, un produto desta calidade non ten por que ter un prezo superior á media: “Se consomes produto de tempada non hai un incremento nos custes. No tocante ao bio, ao final é un valor engadido, e se se paga máis é polos impostos que ten asociados”, explica Raquel.
Desde D’Aldea queren facer ver que unha alimentación sostible para co medio ambiente é posible, e nesa liña traballan. Raquel incide no importante que é “facer ver á xente que outra forma de vivir é posible: sostible, de proximidade e saudable, todo iso sen que o gasto sexa moito maior”.
É importante facer ver á xente que outra forma de vivir é posible: sostible, de proximidade e saudable, todo iso sen que o gasto sexa moito maior
Quizais sexa esa a sinal de identidade de D’Aldea. É certo que hai máis tendas deste tipo na cidade, negocios que fomentan este estilo de vida, mais lonxe de competiren entre elas únense por unha causa común: “no mundo do bio somos todos colaboradores, complementámonos”, expresa Raquel. “Non hai competencia entre nós, somos un grupo que loita por unha mesma forma de vida”.
E se seguen aquí despois de tantos anos é porque, ademais de atender a unha demanda, saben como actualizarse cos cambios, atendendo ás novas necesidades da veciñanza compostelá: “a tenda cambiou moito nos anos que leva en activo porque escoitamos á xente, queremos saber que precisan en cada momento”, asegura Raquel.
D’Aldea ofrece proximidade e distínguese por esa confianza que adquire cos clientes, aos que tratan de dar un servizo completo, personalizado. Esa é a fórmula do éxito.