Compostela é unha potencia en moitas pólas. Nos últimos meses este diario foi partícipe dos éxitos de multitude de santiagueses que presumen o nome da cidade en ámbitos coma o musical, o gastronómico ou o do deporte. Precisamente este último é dos eidos máis prolíficos, especialmente no referido á difusión de disciplinas minoritarias.
O fútbol gaélico atopou tamén en Santiago un lugar para medrar e brillar. Trátase do xogo máis popular en Irlanda, xunto co hurling, pero fóra dese espazo xeográfico apenas ten representación. Galicia destaca como unha das poucas localizacións nas que o gaélico non só conta cun abano considerable de seareiros, senón que os seus equipos gozan de recoñecemento mesmo en Irlanda polo seu bo facer.
Desde hai uns anos un club compostelán destaca nas táboas de clasificación da liga galega do gaélico: Estrela Vermelha. Naceu no ano 1997 no barrio de Fontiñas como un equipo de fútbol de tradicional para no 2013 refundirse coma grupo de fútbol gaélico. Nese momento comezaba a introducirse este deporte na comunidade, en parte grazas á celebración do primeiro partido da selección galega contra Bretaña. No 2010 fundárase o primeiro equipo galego, Fillos de Breogán, na Coruña.
Estrela Vermelha debutou na liga da tempada 2013/2014. Practicamente desde os inicios foi un club con equipo tanto masculino coma feminino, e, de feito, este último vén de gañar a liga galega feminina. Inicialmente a agrupación estaba formada polos deportistas que xa estaban no equipo de fútbol tradicional, máis rapidamente foron gañando novas incorporacións.
Hoxe, Estrela Vermelha é un equipo que conta co máis variado perfil de xogadores, desde un grupo grande de rapaces menores de 26 anos, ata unha porción de ultra veteranos que levan varios anos de experiencia ás súas costas. Mostra do seu alto nivel é que moitos dos xogadores da Selección Galega de Gaélico son tamén integrantes do club compostelán.
Ángel Negrete Tuñas é un dos membros de Estrela Vermelha. Foi compoñente da súa directiva e na actualidade é, ademais, o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico. Leva anos no equipo e aínda hoxe segue adestrando os martes e os xoves no campo de fútbol A Merced, en Conxo.
O fútbol gaélico xógase en equipos de 15 por 15, mais aquí fan unha adaptación de 9 por 9 polas dimensións dos campos. As porterías non son iguais ás do fútbol convencional, senón que teñen forma de ‘h’. Tampouco a dinámica do xogo é a mesma pois, a pesar de empregar un balón, este pode golpearse tanto cos pés como coas mans. A iso súmanse outras regras, coma que cada catro pasos é obrigatorio realizar un movemento co balón, igual que acontece no baloncesto.
Todos estes elementos fan do gaélico un deporte dinámico e atractivo aos ollos. Ángel Negrete asegura que “é difícil que o espectador se aburra, porque a meirande parte do tempo está pasando algo”.
Tampouco para os xogadores é monótono: “é un deporte que esixe, usas todo o corpo porque corres, das golpes coas pernas, agarras a pelota… Temos algunha persoa que veu probar sen fe de quedar, e remataron uníndose ao equipo” asegura Ángel.
É un deporte que esixe, usas todo o corpo porque corres, das golpes coas pernas, agarras a pelota… Temos algunha persoa que veu probar sen fe de quedar, e remataron uníndose ao equipo
Esta vertente deportiva, unida a unha máis social, explican a adhesión de cada vez máis persoas a este deporte. As raíces co pobo celta son outro dos reclamos para moitos, porque ademais abre as portas a coñecer novas culturas e países.
“Irlanda ten chamado en varias ocasións á nosa selección galega para xogar”, explica Ángel. “Ao ser un deporte minoritario, moitas das competicións celébranse fóra, polo que os xogadores teñen a posibilidade de viaxar bastante”.
Actualmente hai en Galicia arredor de 400 persoas federadas en fútbol gaélico. Desde a Asociación Galega de Fútbol afirman que a pandemia prexudicou a súa promoción, como lle aconteceu a moitos deportes de equipo, mais hoxe están xa nun momento de recuperación: “hai uns anos preguntábaslle á xente se sabía que era o fútbol gaélico e non, pero agora xa empeza a soar. Para nós xa é unha grande vitoria que non soe raro”, asevera Ángel.
Hai uns anos preguntábaslle á xente se sabía que era o fútbol gaélico e non, pero agora xa empeza a soar. Para nós xa é unha grande vitoria que non soe raro
Como parte do programa de difusión deste deporte, desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico organizan o proxecto Gaélico Escolas. Ofrecen aos colexios de toda Galicia unha unidade didáctica na materia de Educación Física, co obxectivo de fomentar un interese suficiente para a creación dunha actividade extraescolar de gaélico. De aí, poden organizarse torneos nas propias escolas ou entre varias diferentes.
Estrela Vermelha fomenta estas formacións en Santiago e na comarca. Polo de pronto o furor polo gaélico concéntrase, esencialmente, nos centros da bisbarra. Localidades coma Boqueixón, O Pino, Urdilde (Rois) e Trazo xa son asiduos na celebración de pequenas ligas entre os seus estudantes. “Hai que facer que o deporte continúe, e esta é a mellor forma. Formar un club de cero é difícil se non hai base, polo que estas iniciativas axudan a plantar a semente”, indica Ángel Negrete.
O fútbol gaélico pertence á Federación Galega de Fútbol, polo que é oficial e ten a posibilidade de recibir subvencións para manter a súa actividade. Así e todo, non deixa de ser minoritario e é relevante que, nunha comunidade pequena como Galicia, este deporte goce de tal calado. “Nós e os bretóns somos os raros. A maioría dos xogadores de gaélico son irlandeses, pero o futuro está na apertura. Estamos demostrando que podemos facer un papel máis que decente, formámonos continuamente para poder xogar mellor. De aí saen os convites dos equipos irlandeses para xogar con eles”.
E, ademais, a novidade chama. Para todo aquel que aínda non tivese a oportunidade de desfrutar dun partido de gaélico, hai partidos case todas as semanas, polo que non hai escusa. Lonxe da monotonía que caracteriza a moitos encontros de fútbol tradicional, aquí prometen dinamismo e diversión.