Dios Ke Te Crew | “Gustaríanos dar un concerto coa Sinfónica de Galicia”

A mítica banda de rap fundada en Ordes hai máis de 20 anos estrea hoxe en todas as plataformas dixitais ‘Déjà Vu’, un traballo que marca o inicio dunha nova etapa musical da agrupación
Dios Ke Te Crew | “Gustaríanos dar un concerto coa Sinfónica de Galicia”
Os integrantes da banda Dios Ke Te Crew, que estrea hoxe o sinxelo ‘Déjà Vu’ | B. RODRÍGUEZ

Hai nomes que definen un xénero, que transcenden á súa propia música para converterse en símbolos dunha época, dunha cultura e dun idioma. Dios Ke Te Crew é un deses nomes. A banda de hip hop máis emblemática de Galicia regresa á escena cun novo sinxelo, ‘Déjà Vu’, un traballo que marca o inicio dun capítulo renovado tras máis de vinte anos de traxectoria.


Formados en Ordes no 2003, Mou, Sokram, Jamas e DJ Murdock souberon construir unha carreira que combina enxeño, habilidade narrativa e un humor que dialoga de forma crítica coa actualidade. 
Co lanzamento de ‘Déjà Vu’, que chega hoxe a todas as plataformas dixitais, Dios Ke Te Crew preséntase como unha banda que mira cara ao futuro sen esquecer as súas raíces. Este novo tema, acompañado dun videoclip dirixido por Xaime Miranda, promete ser o preludio dunha xira que percorrerá os escenarios das catro provincias ao longo deste próximo 2025.


‘Déjà Vu’ é o primeiro sinxelo que lanzan dende hai dous anos. Que significa este tema no contexto da súa traxectoria?
É un tema co que reflexionamos sobre o tempo, a memoria e a percepción. Para iso, empregamos o fenómeno que lle dá nome ao sinxelo. Tanto as letras como os sons constrúen unha especie de labirinto conceptual no que se mestura o coñecido e o descoñecido. É un xogo de ecos, sensacións e preguntas existencias.

Portada Deu0301jau0300 Vu   DKTC
A portada do sinxelo

 

Que conta o videoclip?
O vídeo é moi cinematográfico. Ten moitas imaxes diferentes e moita carga simbólica. Dalle á canción un compoñente visual moi importante.

 

A que se debe este período sen nova música da banda?
Precisabamos cociñar novos ingredientes que estaban enriba da mesa desde hai tempo. Que non publiquemos non quere dicir que non os esteamos cociñando. Temos máis creacións que sairán en vindeiras datas.

 

DKTCpromo04 BastianRodriu0301guez ElMembrillo
DKTC

 

Despois de dúas décadas aos micros, que desafíos e motivacións afronta o grupo?
Como reto, gustaríanos dar un concerto coa Sinfónica de Galicia. Polo demais, os desafíos son tratar de superar a nós mesmos e estar convencidos do que facemos. Se non, non tería sentido. Tamén é importante renovarse mantendo o son que nos caracteriza.

 

Como afrontan o 2025?
Haberá publicacións sorpresa. Tamén traballamos nunha posta en escena renovada, modificando a setlist e os apartados visuais. Comezaremos en primavera, e xa veremos cando paramos. l

Dios Ke Te Crew | “Gustaríanos dar un concerto coa Sinfónica de Galicia”

Te puede interesar