Dous proxectos da USC acadan financiamento europeo do programa Starting Grant

As investigacións de Saray Busto Ulloa e Ismael González García foron recoñecidas polo European Research Council debido a súa excelencia en ámbitos tan diversos como a matemática aplicada e a saúde feminina
Dous proxectos da USC acadan financiamento europeo do programa Starting Grant
Saray Busto Ulloa e Ismael González García | Santi Alvite

Dous proxectos que se desenvolverán na USC, liderados respectivamente por Saray Busto Ulloa e Ismael González García, acaban de ser recoñecidos na última convocatoria Starting Grant do European Research Council (ERC). Este programa do Consello Europeo de Investigación proporciona financiamento para apoiar persoal investigador con proxectos vangardistas e rompedores, sendo a excelencia científica o único criterio de avaliación. 

 

Proxecto Supremum

A investigadora Saray Busto Ulloa lidera o proxecto Supremum, centrado no desenvolvemento e estudo teórico de novos métodos numéricos que preserven a estrutura de modelos hiperbólicos da mecánica dos medios continuos. O obxectivo final do proxecto é deseñar, por vez primeira, métodos numéricos que verifiquen de xeito simultáneo todas as propiedades estruturais dos modelos: compatibilidade termodinámica, conservación das solucións de equilibrio, verificación das involucións naturais e preservación dos límites asintóticos.

 

HypoPause

Estudar os cambios moleculares e celulares que se producen no hipotálamo durante a menopausa e comprender o seu papel nos mecanismos fisiopatolóxicos que impulsan as alteracións metabólicas é o horizonte que persegue o proxecto HypoPause, liderado por Ismael González García. “O hipotálamo é unha área cerebral clave que controla múltiples sistemas fisiolóxicos”, explica o investigador. As hormonas ováricas actúan sobre o hipotálamo para regular a fisioloxía feminina, pero despois da menopausa, a súa produción detense e tanto o estradiol como a proxesterona diminúen drasticamente. 

 

“A partir de estudos previos, sabemos que esta falta de hormonas afecta a función hipotalámica”, matiza. En concreto, décadas de investigación permitiron identificar o mecanismo hipotalámico que causa os "sufocos" asociados á transición menopáusica. Non obstante, aínda está por explorar se a menopausa provoca unha alteración nos mecanismos hipotalámicos que controlan o metabolismo e se estas posible alteracións inflúen nos cambios metabólicos asociados a esta etapa da vida dunha muller.

Dous proxectos da USC acadan financiamento europeo do programa Starting Grant

Te puede interesar