Enreguéifate 2025: O certame que revoluciona as aulas e celebra a lingua galega cunha gran gala en Santiago

Enreguéifate 2025: O certame que revoluciona as aulas e celebra a lingua galega cunha gran gala en Santiago
Cartel do Enreguéifate

A regueifa, ese arte galego de improvisar en verso, recupera o seu protagonismo grazas a “Enreguéifate”. Durante o primeiro trimestre deste curso, sesenta obradoiros despregaron o seu talento por escolas de Santiago, Teo, Ames, Carballo e Pontevedra. Nomes como Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón achegaron o seu saber a alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO, sementando a paixón por un xénero que é moito máis ca palabras: é identidade, emoción e cultura viva.

 

Unha aula de regueifas para normalizar o galego

Máis alá da rima, o proxecto busca algo máis profundo: fortalecer o uso do galego nas aulas. Cada verso cantado é un paso máis na normalización lingüística, un berro colectivo por preservar a lingua entre as novas xeracións. A improvisación non só é unha ferramenta cultural, senón un motor educativo que fomenta o pensamento crítico, a creatividade e o traballo en equipo.

 

A cita que move Galicia: regueifas en vídeo e premios con novidades

Co certame de regueifas en vídeo ás portas, os rapaces e rapazas xa preparan as súas gravacións para optar aos premios deste ano, que serán máis numerosos e variados. Con dúas categorías —xeral e escolar—, os participantes poderán optar a oito galardóns distintos. Este ano, ás regueifas máis bravas, agudas, reivindicativas ou mellor cantadas, súmanse dúas novas categorías: a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira.

 

A inscrición estará aberta do 20 de xaneiro ao 20 de marzo de 2025, a través da web oficial do certame, onde tamén poden consultarse as bases completas.

 

A gran gala no Auditorio de Galicia

O 19 de maio de 2025, o Auditorio de Galicia en Santiago acollerá unha festa única que combinará talento, diversidade e tradición. A gala de entrega dos “regueipremios” será o broche final dun ano de traballo e creatividade, reunindo preto dun milleiro de escolares galegos, alumnado vasco e público xeral.

Baixo o lema “Enreguéifate, puro magnetismo!”, esta cita será o epicentro cultural dunha Galicia que canta, improvisa e celebra a súa lingua. Un evento para o orgullo colectivo, onde cada verso resoará como un eco dun futuro máis galego.


Consulta as bases e inscríbete xa en www.enregueifate.gal

Enreguéifate 2025: O certame que revoluciona as aulas e celebra a lingua galega cunha gran gala en Santiago

Te puede interesar