O Colexio de Fonseca acolle este mes de setembro a exposición "Mentindo con mestría. Montaxes fotográficas de Augusto Pacheco (1948-1973)". Comisariada polos fotógrafos Vítor Vaquero e Manuel Pérez Rúa e o artista plástico Ánxel Huete, a inauguración terá lugar mañá, venres 5 de setembro, ás 12.00 horas no Salón Artesoado.
A mostra representa a obra do fotógrafo ourensán que viu a luz, ao longo dun cuarto de século, cada 28 de decembro, festa dos Santos Inocentes. Nesa xornada, cando o ano estaba a piques de rematar, Augusto Pacheco construía unha estrutura composta por un texto, de natureza xornalística, e unha fotografía, de feitío máis ou menos fantástico, que resumía acontecementos, locais ou universais, do ano que se ía.
Segundo afirmaba Pacheco, a idea, na súa orixe, baseábase na creación de relatos imaxinarios que, ao vir acompañados de imaxes fotográficas adquirirían a posibilidade de ser interpretados como eventos ou situacións posibles, reais. “Posúe interese o feito de ser o fotógrafo, como a maior parte dos seus contemporáneos, un defensor ferreño da fiel reprodución da realidade que o dispositivo fotográfico fornecía e, ao mesmo tempo, desenvolver unha práctica de demolición de dita fidelidade e practicar a pescuda do que é verdadeiro —a realidade— perante o que é sinxelamente verosímil, a representación fotográfica”, explican dende a organización da mostra.
Desta maneira, Augusto Pacheco xerou un amplo catálogo de propostas visuais que, empregando a técnica da fotomontaxe, mostraban accidentes inventados ou desfeitas naturais inexistentes, feitos que, non obstante, ficaban dentro da categoría de sucesos posibles. Ao pé deste grupo de ocorrencias, aparecían outras, pertencentes ao territorio marabilloso, mítico ou onírico, que representaban desde seres extraterrestres que desfilaban polas rúas de Ourense ou ían parar sobre torres sineiras, ata monstros con aparencia de dinosauros que destruían, asañados, construcións históricas da capital das Burgas ou foguetes espaciais dirixidos á Lúa. Todo o conxunto de fotomontaxes producidas fornecía a estratexia que Augusto Pacheco consideraba estar ao servizo da brincadeira.
“Alén das intencións do seu autor, estas imaxes, como calquera outra obra produto da mente humana, son quen de falar por si mesmas e exercer unha certa autonomía e desta forma as materias presentes connotan unha atmosfera inquietante, mediante a posta en situación de elementos simbólicos capaces de fornecer outras posibles interpretacións: o horror nuclear, representado por un monstro que semella da estirpe de Godzilla (Ishiro Honda, Godzilla, 1954), a ameaza de guerra, mostrada a través de foguetes que lembran a crise dos mísiles de Cuba de 1962, a preocupante visita de seres procedentes de espazos exteriores con propósitos descoñecidos e, por regra, funestos (Byron Haskin, The War of the Worlds, 1953)”, relatan dende a organización. Así, ademais da xolda contida nestas fotografías, as mesmas constitúen unha crónica, en chave metafórica, dun tempo marcado pola contenda entre as dúas superpotencias que pasaría á Historia baixo o apelativo de Guerra Fría.