O festival máis punk e divertido de Compostela xa ten data

O festival máis punk e divertido de Compostela xa ten data
Imaxe da presentación

O festival de banda deseñada independente e autoedición Fun Fun Fun celebrará os días 6 e 7 de xuño a súa sétima edición na Casa das Máquinas, consolidándose como un dos encontros culturais máis singulares e alternativos da cidade. A cita conta co apoio dos departamentos municipais de Xuventude e Centros Socioculturais.

 

A nova edición pretende afianzar o evento como punto de referencia da gráfica galega e estreitar vínculos co norte de Portugal, tanto a través da feira de fanzines como dunha programación expandida que inclúe música, obradoiros, xornadas de reflexión e actividades para todos os públicos.

 

Cartaz do evento
Cartaz do evento

 

A concelleira María Rozas e o edil Xan Duro presentaron este mércores o programa nun acto xunto ás organizadoras Neves Rodríguez e María Gil, así como co artista Saibran Yiyi, encargado de pechar o festival cun concerto especial.

 

 

A feira de fanzines será o prato forte do sábado 7 de xuño, con máis de sesenta proxectos participantes chegados de toda Galicia e do país veciño. O interese polo evento segue medrando: as solicitudes para participar aumentaron un 50 % con respecto ao ano anterior.

 

O festival abrirá o venres coa Xornada Fun-aKadémica, unha proposta que se desenvolverá no CGAC e que combinará charlas arredor da autoedición galega e portuguesa con unha sesión vermú a cargo de Rusinha B2B Juait. A coordinación desta parte correrá a cargo da historiadora da arte María Gil Martínez.

 

 

Durante o sábado, haberá obradoiros abertos ao público, como un de serigrafía e outro de tatuaxe efémera, e tamén a presentación do Proxecto Uterzine, que visibiliza artistas punks e feministas da península. Repite nesta edición o exitoso combate de debuxantes, conducido polos ilustradores Leandro Barea e Xaime Lis.

 

No ámbito musical, a sesión vermú contará coa artista Tonita, mentres que o peche correrá a cargo de Saibran Yiyi, membro de Boyanka Kostova, que presentará xunto a Fiz García un novo proxecto musical titulado Amanecer armonioso con gotas de primavera. Trátase dunha proposta que mestura rap, cumbia e humor, en liña co espírito creativo e irreverente que define ao festival.

O festival máis punk e divertido de Compostela xa ten data

Te puede interesar