Conxo, chamada oficialmente Santa María de Conxo, é unha parroquia pertencente ao municipio de Santiago. Non obstante, isto non sempre foi así, senón que este territorio foi un municipio independente. Esta é a historia que dez especialistas reconstrúen: os noventa anos, entre 1835 e 1925, nos que este histórico barrio foi independente.
"Historia do antigo concello de Conxo" é obra colectiva coordinada polo historiador Rafael García Ferreira e coordinada polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora. Esta publicación coincide co aniversario dos cen anos de anexión de Conxo a Santiago de Compostela.
O histórico barrio de Conxo foi escenario de fitos clave: da súa estación partiu a primeira liña ferroviaria galega e alí naceu Rosalía de Castro, considerada a fundadora da literatura galega moderna. Ademais, Conxo estivo ligado ás loitas pola mellora das condicións da clase traballadora, dende o Banquete democrático de 1856 ata os movementos obreiros de finais do XIX, sen esquecer a súa Sociedade Benéfica.
O seu legado tamén se conserva no seu patrimonio, que abrangue dende a memoria milenaria do petróglifo e o castro ata o románico do antigo mosteiro, o barroco da igrexa parroquial ou a fortaleza da Rocha, símbolo das revoltas irmandiñas.