Seis premios para investigadores da USC na reunión anual da Sociedade Española de Epidemioloxía

O equipo da Facultade de Medicina e Odontoloxía destacou con investigacións internacionais sobre cancro de pulmón, consumo de fármacos, impacto ambiental e saúde pública
Seis premios para investigadores da USC na reunión anual da Sociedade Española de Epidemioloxía
A investigadora Julia Rey Brandariz sumou o premio de mellor comunicación España-País lusófono

O grupo Epidemioloxía, Saúde Pública e Avaliación de Servizos Sanitarios da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC acaba de recibir seis premios na Reunión Anual da Sociedade Española de Epidemioloxía, que tivo lugar en Gran Canaria do 3 ao 5 de setembro. 

 

Así, entre os mellores artigos científicos premiouse o traballo "Lung Function and Symptoms of Exposure to the Volcanic Eruption in the Canary Islands: First Follow-Up of the ASHES Study", un estudo sobre o impacto na saúde respiratoria da erupción do volcán de Cumbre Vieja, na Illa da Palma, a través do estudo ASHES. O traballo está dirixido polo profesor Alberto Ruano e está financiado pola Sociedade Española de Pneumoloxía. 


Outro dos traballos premiados foi "Estimated impact of a tobacco-elimination strategy on lung-cancer mortality in 185 countries: a population-based birth-cohort simulation study", un estudo sobre o impacto dunha estratexia fronte ao tabaco no número de mortes por cancro de pulmón que se poderían evitar en 185 países. Este artigo foi froito dunha estadía competitiva predoutoral de Julia Rey Brandariz na Axencia Internacional de Investigación en Cancro en Lyon. 

 

Ademais, "Consumption of hypnosedatives in Spain: characterization and time trends, 2005-2022" foi recoñecido como o mellor artigo publicado en Gaceta Sanitaria en 2024. Este estudo deriva dun proxecto financiado polo Plan Nacional sobre Drogas da profesora Mónica Pérez Ríos.


Outros premios

A investigadora Julia Rey Brandariz obtivo tamén o premio "Lección Joven", á mellor comunicación España-País lusófono, por un traballo sobre a evolución da mortalidade atribuída á exposición ao fume ambiental de tabaco nas 27 capitais de brasil. 

 

Finalmente, o grupo tamén logrou un dos premios ás mellores comunicacións presentadas por menores de 36 anos cun traballo sobre o impacto potencial da mitigación de radon nos fogares sobre a mortalidade por cancro de pulmón en Galicia.

Seis premios para investigadores da USC na reunión anual da Sociedade Española de Epidemioloxía

Te puede interesar