O Partido Popular de Santiago, a través da súa concelleira Yolanda Otero, presentou este mércores unha serie de propostas co obxectivo de mellorar a accesibilidade e promover a plena inclusión das persoas con discapacidade auditiva e xordocegas na cidade.
Entre as iniciativas destacan a implantación dun servizo de lingua de signos no portal web municipal, a instalación de bucles magnéticos en edificios públicos, a realización de talleres de lingua de signos nos centros socioculturais e a colocación de paneis con alfabetos signados en espazos públicos, para fomentar o achegamento a esta linguaxe de comunicación.
Otero tamén propuxo que o Concello organice unha campaña municipal entre o 20 e o 26 de setembro, coincidindo coa Semana Internacional das Persoas Xordas, así como cursos de formación en lingua de signos para o persoal municipal, co fin de mellorar a atención á cidadanía.
Segundo a edil popular, estas accións resultan “imprescindibles para incidir, de forma positiva, na calidade de vida das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, e para avanzar na inclusión, accesibilidade e igualdade de oportunidades de toda a veciñanza”.
Eliminar barreiras de comunicación
A concelleira subliñou que, ao igual que noutras cidades, as persoas con discapacidade auditiva en Santiago non sempre poden acceder á información nin á comunicación coa súa contorna, por falta de intérpretes de lingua de signos ou doutros recursos que permitan a súa participación plena.
Neste sentido, advertiu de que “a plena inclusión e a igualdade real e efectiva deste colectivo debe ir aparellada a avances e compromisos tamén reais e efectivos por parte do goberno local, quen debe garantir a eliminación de barreiras non só físicas, senón tamén de comunicación”.
Finalmente, Otero recordou que as cidades son os espazos onde a cidadanía desenvolve a súa vida cotiá, polo que a accesibilidade universal constitúe un elemento esencial para o exercicio dos dereitos fundamentais, permitindo que as persoas con discapacidade vivan en condicións de igualdade, autonomía e independencia.