Referentes en medicina clínica acudirán a Santiago para un congreso internacional

Organizado pola asociación estudiantil Comunidade Médica en Formación, contará con expertos como Ángel Carracedo e Verónica Casado
Referentes en medicina clínica acudirán a Santiago para un congreso internacional
Estudantes participando nun obradoiro de suturas organizado por CoMeF

Baixo o lema "Formar hoxe ao médico do mañá", a asociación estudantil Comunidade Médica en Formación (CoMeF) organiza os días 3 e 4 de outubro na Cidade da Cultura o Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC).


O evento preséntase como un espazo de encontro entre persoal profesional consolidado e novas xeracións, onde a aprendizaxe práctica e a innovación son protagonistas. Reunirá entre 600 e 700 estudantes, médicos e médicas internas residentes e profesionais sanitarios de todo o país, xunto a persoal experto nacional e internacional de referencia, para debater sobre os principais retos da medicina clínica actual.


O programa dará comezo ás 9.30 horas co acto inaugural, tras o que intervirá Mariano Barbacid, un dos maiores expertos en investigación oncolóxica e ex director do CNIO. Esa mañá tamén haberá os relatorios do endocrinólogo líder en terapias hormonais Manel Puig e do cardiólogo Josep Brugada, especialista en arritmias e descubridor dunha enfermidade causante da morte súbita cardíaca que hoxe leva o seu nome.


Xa na tarde do venres 3 intervirán o especialista en Medicina Interna e Hepatoloxía e director de Medicina Interna na Clínica Universidade de Navarra, Jorge Quiroga, e a experta en medicina deportiva e vicepresidenta primeira do Colexio Oficial de Médicos de Valladolid, Raquel Blasco.


A sesión so sábado comezará coa intervención do catedrático da USC e referencia no eido da xenética en todo o mundo, Ángel Carracedo, e continuará con Verónica Casado, especialista en Medicina de Familia e primeira española recoñecida como "Mellor Médico de Familia do Mundo"; Miguel Sanmamed, investigador emerxente líder do grupo de investigación de inmunoterapia da Universidade de Navarra); Michel Kahaleh, xefe de gastroenteroloxía nun hospital de New Jersey (EEUU); e Magda Campins, que foi presidenta do Comité Científico Asesor da COVID-19 en Cataluña.

Referentes en medicina clínica acudirán a Santiago para un congreso internacional

Te puede interesar