Santiago abre o curso con todos os colexios do rural dotados de comedor escolar

A alcaldesa e a concelleira de Educación visitaron este luns os centros de Laraño e das Fontiñas para comprobar as actuacións realizadas durante o verán
Santiago abre o curso con todos os colexios do rural dotados de comedor escolar
Durante as visitas, a alcaldesa e a concelleira de Educación reuníronse con a presidenta da Fanpa Compostela, Esther Martínez, así como con representantes das Anpas e das direccións dos centros educativos

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, deron este luns a benvida ao curso 2025/2026 coa visita á escola de Rial-Laraño e ao CEIP das Fontiñas. A posta a punto dos centros escolares durante o verán chega acompañada dunha das principais novidades deste ano: todas as escolas infantís do rural contan xa con servizo de comedor escolar.

 

 

Hoxe é un día moi emocionante, un día de ilusión e un día en que os nenos e nenas collen con moitas ganas este inicio de curso”, afirmou a rexedora, quen tamén enviou palabras de ánimo ao profesorado e á comunidade educativa.

 

Investimentos nos centros escolares

O Concello destinou 300.000 euros a mantemento e certificación de parques infantís, dos que 116.000 foron para actuacións directas nos colexios. No caso do CEIP das Fontiñas, investíronse máis de 34.000 euros en traballos como o pintado da fachada de primaria, melloras no comedor ou o arranxo do parque infantil.

 

Tamén se puxo en marcha a nova cuberta do CEIP Quiroga Palacios, cun investimento próximo aos 400.000 euros, e acometeuse a reforma da pista deportiva do pavillón do Lamas de Abade.

 

Escolas do rural con comedor

Na escola de Rial-Laraño, o Concello xa destinara 125.000 euros no último ano á creación dunha nova zona de xogos e dunha horta escolar con rego automático. Este verán, as obras centráranse en habilitar espazos para ofrecer o servizo de comedor, unha actuación que se estende tamén ás escolas de Marrozos e O Eixo.

 

Segundo destacou a alcaldesa, os comedores resultaron clave para mellorar a matriculación. Este curso haberá 18 alumnos en Laraño, 15 no Eixo —case o dobre que o pasado ano— e 8 en Marrozos. “Ofrecer o servizo de comedor foi determinante para contribuír á decisión das familias”, asegurou Sanmartín, quen definiu a medida como “un chanzo máis no camiño cara o novo modelo de comedores escolares”.

Santiago abre o curso con todos os colexios do rural dotados de comedor escolar

Te puede interesar