O Concello de Santiago celebrou hoxe, 19 de agosto, o acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal, asasinado en 1936 en Cacheiras tras o golpe militar.
“Estamos aquí”, lembrou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, “para escoitar esa voz que non calou, aínda que tentasen erradicala” e agradeceu o labor das “asociacións e entidades que traballan cada día para que o esquecemento non gane a batalla”. Goretti Sanmartín fixo fincapé en que “esquecer é traizoar a quen nos fixo ser quen somos. Porque lembrar non é só conservar unha historia, é manter vivo un compromiso”. Un compromiso diario, segundo a rexedora, que incidiu en que "construír a Compostela que Casal soñou non é só un xesto simbólico”. É “facer unha cidade aberta, culta, galega, con servizos dignos e orgullosa de ser capital de Galiza. É dicirlles, a el e a todas as persoas que camiñaron antes ca nós: seguimos aquí”.
Sanmartín reivindicou a necesidade deste tipo de actos porque “negar a nosa historia é negar a nosa identidade” e celebrou, neste sentido, “a recuperación das esculturas románicas do Mestre Mateo que, despois dunha longa loita xudicial, regresarán ao patrimonio público”. Tamén lembrou a recente iniciativa do Concello de creación das marcas Compostela é Memoria e As mil Marías, “un compromiso vivo para identificar e dar sentido a todas as actividades de memoria histórica. Un símbolo para lembrar as mulleres represaliadas e para dicir que a historia non remata nun libro, senón que se proxecta no que facemos hoxe”.
No acto, ao que asistiron diversas asociacións e colectivos que traballan en prol da memoria histórica, tamén interviron Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa, e Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa do Concello de Teo; e contou coa presenza, entre outras autoridades, de Antonio López, reitor da USC, así como de concelleiras e concelleiros da corporación de Santiago. A música correu a cargo do grupo musical Carapaus.
Tras a celebración, a rexedora desprazouse a Teo para participar na ofrenda floral organizada polo concello teense no monólito levantado na honra de Ánxel Casal na Estivada da Ribeira, lugar no que apareceu o seu corpo en agosto do 36.