O SEPIU inicia as citas para adaptar os plans de estudo do alumnado con discapacidade

O servizo universitario incrementa cada ano a súa atención: de 126 estudantes no curso 2022-23 a 261 no último curso académico
O SEPIU inicia as citas para adaptar os plans de estudo do alumnado con discapacidade
En función das necesidades de cada estudante, a USC ofrécelle os apoios de carácter académico ou técnicos necesarios | Santi Alvite

A Área de Inclusión do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) da USC acaba de abrir o período de citas para realizar as valoracións das adaptacións curriculares do estudantado con discapacidade e/ou necesidades específicas de apoio educativo. 

 

En función das necesidades de cada estudante, a USC ofrécelle os apoios de carácter académico ou técnicos necesarios, sempre de carácter personalizado e segundo a súa diversidade. No plano académico, logo dunha entrevista persoal, defínense as adaptacións curriculares a aplicar en cada caso.


“De acordo cos principios de igualdade de oportunidades, as adaptacións son axustes razoables para afrontar os retos de aprendizaxe en condicións semellantes ao resto do estudantado, sen que iso deba supoñer unha diminución do nivel académico esixido”, explican dende o SEPIU da USC. 

 

De feito, o número de estudantes que solicita o apoio do Servizo vai aumentando de curso a curso. Mentres que no 22-23 atendéronse 126 estudantes, no 23-24 o número ascendeu a 202 e no pasado curso 24-25, a cifra chegou a 261, polo que neste ano académico “espérase un incremento importante das solicitudes”, engaden. As solicitudes de adaptacións poden enviarse a través do formulario dispoñible na web ou na secretaría virtual da USC. 

O SEPIU inicia as citas para adaptar os plans de estudo do alumnado con discapacidade

Te puede interesar