A Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela ofrecen o 3 de outubro un novo concerto de repertorio segredo para esturdar o efecto de distintos estímulos musicais. Baixo o nome de Sensoxenoma, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) coa colaboración do Auditorio de Galicia, investiga como a música pode modificar a expresión dos xenes.
O Auditorio de Galicia converterase un ano máis en laboratorio para o estudo da interacción entre música e ciencia. O día 3 de outubro celébrase a cuarta edición de Sensogenoma, coa Real Filharmonía de Galicia (RFG) e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela. O concerto terá dúas partes de 30 minutos e recolleranse mostras de doantes voluntarios antes, despois e no descanso. O repertorio será segredo, como nos anos precedentes; e cada parte do concerto estará asociada de novo a dúas emocións diferentes, o que permitirá estudar o efecto dos distintos estímulos musicais.
Neste evento, recolleranse mostras de sangue (punción capilar nun dedo), saliva (frotis bucal) e bágoas de voluntarios maiores de 18 anos, xunto con datos fisiolóxicos obtidos mediante sensores que rexistrarán a actividade electrodérmica, o ritmo cardíaco e a presión arterial, en colaboración coa Escola de Psicoloxía da Universidade do Minho. Participarán persoas con afeccións neurodexenerativas, TEA e dano cerebral, en colaboración con asociacións de pacientes como Dano cerebral Santiago de Compostela, AMES Miastenia, ASPANAES, e a Asociación Española de Paraparesia Espástica Familiar.
Ademais, por primeira vez usaranse mochilas vibratorias con usuarios da Federaciónde Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), facendo a experiencia máis inclusiva. Para iso, despregarase un amplo dispositivo de enfermería no Auditorio de Galicia.
O proxecto comezou hai tres anos cos concertos experimentais Sensoxenoma22, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio de Galicia. Durante os primeiros dous anos, os estudos centráronse en persoas sas e en pacientes con trastornos cognitivos asociados á idade, sobre todo Alzheimer. Grazas a estes estudos pioneiros, o equipo xerou catro publicacións científicas internacionais revisadas por pares, sentando as bases do proxecto.
En 2025, o proxecto deu un salto revolucionario coa publicación de seis estudos que consolidan a evidencia de que a música modula non só a expresión xénica, senón tamén o proteoma e a microbiota, en pacientes e en persoas sas. Por primeira vez analizáronse individuos con dano cerebral e TEA, ademais de reportar novos achados en demencia, abrindo así novos capítulos na investigación sensoxenómica.
Os investigadores destacan que a música non só activa o cerebro, senón que tamén ten un efecto sistémico, modulando xenes, proteínas e microbiomas en tecidos periféricos como a saliva. Isto indica que a música pode actuar sobre o chamado eixo oralcerebro, unha vía emerxente que conecta a microbiota oral coa función cerebral e os procesos inflamatorios.